Nace na Coruña unha AMPA pioneira para nenos con necesidades especiais

Mila Méndez Otero
m. m. outeiro A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

anpa
ANGEL MANSO

Unha vintena de familias poñen en marcha Anpanee, unha asociación «global e inclusiva»

09 oct 2019 . Actualizado ás 17:22 h.

Coñecéronse cando quedaron sen os coidadores que asigna Educación nos respectivos colexios onde estudan os seus fillos. O pequeno de Ana ten dez anos e un trastorno do espectro autista (TEA) diagnosticado. Estuda no María Barbeito e Cerviño. Ao de Paula, Mario, de seis anos, descubríronlle unha parálise cerebral cando era un bebé. Estuda no CEIP Emilia Pardo Bazán. Da necesidade de colaborar entre estas dúas nais naceu unha iniciativa pioneira na Coruña, e poida que en Galicia. Anpanee (Asociación de Nais e Pais de Alumnos con Necesidades Educativas Especiais) é a primeira AMPA «inclusiva» que non se limita a un centro.

«É global, poden unirse proxenitores que, sen ter un fillo con necesidades especiais, solidarícense. Á fin e ao cabo, a nosa demanda, contar con máis medios, é boa para todos», explica Paula Fernández Amboage, a presidenta de Anpanee. O colectivo nace co apoio dunha vintena de familias da cidade.

Para que a educación sexa inclusiva, debe ter medios

Tras anos pelexando coas Administracións, a súa esperanza que é que xuntos poidan lograr máis visibilidade, «e voz», para os seus pequenos. «Velamos pola súa correcta escolarización. Ademais de socializar, os nosos fillos teñen dereito a aprender», engade Paula.

Isto implica máis medios. «Está moi no aire, desde a formación requirida á asignación dos coidadores por parte da Xunta. Nunha escola onde hai 20 nenos con necesidades especiais non pode haber só un coidador. Non dan as contas. Tampouco se un profesor ten 23 alumnos na aula, un necesita apoio e está o só para todos», subliña.

Respaldo dos centros

Nun principio de curso que Paula define como «complicadillo», contan co respaldo dos centros educativos. «En case todas os cursos temos un rapaz que precisa necesidades especiais de educación. É importante que isto se saiba portas afora das escolas», di Aurora Candal, a directora do Emilia Pardo Bazán, nos Rosales . «Para que a educación sexa inclusiva, debe ter medios. Hai moitas carencias, sobre todo de medios humanos», apunta Ana Sierra , membro da xunta de Anpanee.

Durante un tempo, o seu fillo e o de Paula, a pesar de estar en colexios distintos, compartiron coidador. Acompáñaos ao baño, nos cambios de clase, no patio ou os cambia de postura, se teñen problemas de mobilidade. Unha «formación pautada», reclama Ana, e unha «sensibilidade» cara a estes estudantes son requisitos básicos, alegan. «Quedarnos tranquilos cando quedan no colexio», prioriza Ana.