A Coruña chámase Ardora na televisión

Mila Méndez Otero
m. m. outeiro A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

Percorremos as localizacións da nova serie da TVG, «A estiba», nunha cidade de ficción

26 sep 2019 . Actualizado ás 08:29 h.

Na estiba nada é o que parece. As tramas axitan ao espectador cos seus xiros sorpresa e Ardora atrápaos no seu universo imaxinario. O Macondo desta produción de Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia (TVG) é unha cidade portuaria gris, marcada pola corrupción e onde o salitre marca os ritmos. Pero, todo é ficción. Fóra da pantalla esa Ardora non existe, aínda que a moitos seguidores lles resulte estrañamente familiar.

O porto ao que arriba un inquietante barco coa súa tripulación cribada non é de cartón pedra, senón unha combinación do de Oza, o de Sada e as radas exterior e interior de Ferrol, «un Frankenstein ata nos contraplanos», chancea o realizador Miguel Conde. Pola maxia da montaxe a praza de Galicia é Madrid e o seu aparcadoiro se atreza como boca de metro. «As localizacións forman parte das tramas, como un personaxe máis. O porto é o leitmotiv! Facemos que se vexa e se luza», conta Conde, un dos tres directores do thriller que se emite os domingos en prime time na TVG e que protagonizan tres mulleres, Melania Cruz (a comisaria da Policía Nacional Manuela Fortes), Desiré Pillado e Antea Rodríguez. Luís Iglesia e Adrián Castiñeira completan a repartición.

Tramas urbanas

O ritmo e as escenas exteriores son dúas dos ingredientes que fan da estiba un punto de inflexión na produción galega. «Sempre que te metes nunha casa ou nun xardín real é todo máis crible. Esta serie supón un paso adiante no número de escenas gravadas fóra, coas complicacións que iso implica. O resultado non se pode comparar ao dun plató», destaca Conde. «A atmosfera urbana, como a das escenas que gravamos de noite na terraza dun piso nos Mallos, é unha pasada», describe o realizador.

A igrexa de San José de Monte Alto, o parque de Eirís, Os Castros, o polígono da Grela e o do Vío ou a ponte da Pasaxe son algunhas das paradas dos 15 capítulos da serie que tamén se gravou en Sada e Culleredo, onde están as casas de dúas dos protagonistas, en Bergondo , Cambre ou o Monte Neme. Unha A Coruña de cine.