Os cegos terán audio-guía para seguir ao Dépor

LA VOZ A Coruña

A Coruña CIDADE

QUEIMADELOS

O Concello implantará o Sistema Escoita no estadio e o Palacio dos Deportes para facilitar audio-descricións dos eventos deportivos ás persoas con problemas visuais

14 sep 2019 . Actualizado ás 12:51 h.

O Concello da Coruña anunciou este sábado que en outubro porá en marcha o Sistema Escoita para que as persoas con problemas visuais teñan acceso en tempo real á narración dos encontros deportivos que se celebren no estadio de Riazor e o Palacio dos Deportes.

O pioneiro proxecto permitirá a persoas con dificultade ou discapacidade visual recibir en tempo real a audio-descrición das actividades que se programen nos dous principais escenarios deportivos da cidade.

A iniciativa partiu dun afeccionado do Deportivo con discapacidade visual, Jesús Suárez, que impulsou este programa e o goberno local decidiu darlle impulso coa colaboración o Colexio de Enxeñeiros e Telecomunicacións, a Universidade da Coruña, o RC Deportivo, varias emisoras radiofónicas e a ONCE. O obxectivo é, segundo o Concello, «romper a barreira sensorial que lles impedía facelo nas mellores condicións, mesmo en eventos que non sexan retransmitidos por ningún medio comercial». 

O Concello coruñés anunciou que a última semana de setembro reuniranse todas as partes implicadas para establecer o protocolo de uso do programa e fixar a data e o evento co que se porá en marcha.