Máis de 20.000 persoas acudiron ao Mercado da Colleita

Carmen G. Mariñas

A Coruña CIDADE

ANGEL MANSO

A iniciativa, que busca divulgar sobre un rural máis sostible, pechou o Festival Noroeste cunha romaría popular no Paseo das Pontes

13 ago 2019 . Actualizado ás 14:28 h.

Cun público en grao sumo variado, a pasada fin de semana o Mercado da Colleita logrou atraer a máis de 20.000 persoas a un evento único no que o rural e a música foron protagonistas. No seu cuarto ano consecutivo, o Mercado da Colleita pechou o Festival Noroeste nun Paseo das Pontes transformado nunha contorna rural para a ocasión. 

Esta iniciativa de compromiso social de Fillos de Rivera ten como obxectivo sensibilizar sobre o medio ambiente, o desenvolvemento sostible, o consumo responsable e a revalorización da orixe dos produtos que consumimos. Para conseguilo, charlas, catas e degustacións, coloquios, actividades para os máis pequenos e, sobre todo, concertos, foron algunhas das actividades que conseguiron facer deste proxecto un éxito rotundo. 

Un dos eventos máis destacados foi o Proxecto de Sustentabilidade WE, no que Óscar Vales, responsable da iniciativa, realizou diversos talleres de reciclaxe, decoración de camisetas ou skateboarding destinados a nenos e nenas. Entre as actuacións musicais algúns dos máis aclamados foron Anni B. Sweet, Os Punsetes ou Joe Crepúsculo, ademais das distintas intervencións do DJ Inclusivo.