Os profesionais de atención primaria denuncia sobrecarga e mala xestión do persoal

La Voz A Coruña

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

A Xerencia di que contratou a todos os profesionais dispoñibles

08 ago 2019 . Actualizado ás 13:10 h.

A Comisión de Centro de Atención Primaria da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña denuncia o que cualifica como «penosa e precaria situación na que se atopa a atención primaria debido, en gran medida, á mala xestión dos recursos humanos». Neste sentido, reclama que se dea cobertura ás necesidades de profesionais e que se faga ofrecendo contratos estables.

Remarca que aínda que falta estabilidade na contratación por parte do Sergas, os traballos «intentan manter unha atención sanitaria de calidade nunhas condicións desfavorables para o desempeño do seu traballo». Asegura que non se cumpre a estabilidade que se prometeu aos médicos que acabar a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, mentres os enfermeiros suman contratos durante anos, «moitos por horas». Desde a comisión indícase que noutras categorías que non hai déficit de persoal a práctica é que non se substitúen cando se van de vacacións. «Isto xera problemas nos centros de saúde, demoras na atención, axendas que están completas ata quince días; polo que os usuarios se dirixen en moitas ocasións aos PAC e ás urxencias hospitalarias con consultas que deberían poder resolverse no seu centro de saúde», remarcan.

Os representantes dos traballadores indican que xa mostraron o seu desacordo cos cambios de horarios nos centros de saúde, chegando algúns a pechar pola tarde, porque esa demanda se traslada aos puntos de atención continuada, o que implica unha sobrecarga laboral nun momento no que a poboación aumenta.

Pola súa banda, a Xerencia de Xestión Integrada respondeu, ante estas críticas, que «a demanda asistencial destes momentos é a propia da época do ano na que nos atopamos» e puntualiza que «a atención na área sanitaria da Coruña organizouse de tal modo que os profesionais poidan gozar das súas vacacións regulamentarias e ao mesmo tempo manter a oferta asistencial». Neste sentido, remarca que todos os puntos asistenciais están operativos e contratouse a todos os facultativos dispoñibles». Puntualizan que «dos 7 contratos de continuidade que se realizaron, 5 (a totalidade dos dispoñibles) son de facultativos provenientes doutras áreas sanitarias de fóra da comunidade galega e do sector privado».

Respecto da xestión, a Xerencia de Xestión Integrada, que agradece o traballo realizado polos profesionais dos distintos centros sanitarios, asegura que se priorizaron as gardas dos PAC, en segundo lugar a cobertura dos centros asistenciais cun facultativo e así sucesivamente en función das necesidades existentes en cada centro.