Nace unha nova plataforma que une cinco asociacións veciñais coruñesas

Luis Busto, A. A. A Coruña

A Coruña CIDADE

Anxo Manso

As súas principais demandas viran ao redor da Cidade das TIC e ao Ofimático

06 ago 2019 . Actualizado ás 01:59 h.

Tras unha reunión conxunta das asociacións veciñais da Zapateira, Elviña, Eirís, Pedralonga e Palavea, estas constituíron na tarde do luns unha nova plataforma conxunta. Despois da asemblea, presentaron a agrupación de forma pública e oficial no centro cívico de Palavea, onde expuxeron os seus obxectivos. «Imos xuntarnos varias asociacións de veciños, que levamos falando estes últimos meses de crearmos unha plataforma en torno ás reivindicacións vinculadas ao tema da Cidade das TIC», explica Álvaro Pérez Sancho, membro da asociación sociocultural Campo de Pena, de Palavea.

A asociación está á espera de ter unha reunión co Concello para exporlle as súas demandas. Seguen agardando a súa oportunidade para falar co goberno local, que, afirman, nunca tiveron coa antiga corporación. «Estamos intentando ter reunións co Concello e a idea é presentar os nosos obxectivos despois da nosa xuntanza. Queremos poñer a postura de todos amais do mesa», din desde a Asociación Sociocultural Campo de Pena. No entanto, a UDC si que mantivo os primeiros contactos cos representantes veciñais. «Eu tiven unha reunión co reitor, e nese momento, en maio, non tivo ningún problema, estivo dacordo coas nosas reclamacións», comenta Álvaro Pérez. 

Outro obxectivo da nova plataforma é o conflito do parque Ofimático, que preocupa aos veciños de varios barrios. «Hai moita xente das zonas de Pradolonga e Eíris que está afectada co tema do Ofimático. Entón, como ainda non falamos directamente con ningún representante da antiga corporación municipal nin da nova, queremos saber se ten algún efecto con expropiacións, iso o primeiro», di Álvaro Pérez Sancho. Os outros puntos están relacionados coas demandas de dotación cultural e áreas verdes para os veciños de Palavea, que agardan verse representados no futuro proxecto da cidade das TIC.