Unha amiga austríaca desde 1949

A Coruña CIDADE

olaya rodriguez

Hai 70 anos unha nena de Viena conviviu uns meses cunha familia coruñesa pola iniciativa de Cáritas Austria e a Acción Católica de España, no 2019 segue unida aos Neto Álvarez-Uría

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

É un caso único. Un exemplo de fidelidade e amizade intergeneracional e internacional. Onte, a austríaca Anne Marie e tres xeracións da familia Neto Álvarez-Uría celebraron que hai 70 anos unha nena procedente de Viena entrou nas súas vidas para sempre. «Para nós é a nosa tía e témoslle moitísimo cariño. Case todos habemos ir a vela a Austria», comenta Anxo Penedo Neto, da segunda xeración deste historia que comezou pouco despois de ter acabado a Segunda Guerra Mundial. Cóntanme que Cáritas Austria e a Acción Católica de España organizaron a viaxe de catro mil nenas e nenos austríacos a distintos lugares de España. «Sufriran, e sufrían, os rigores da guerra que facía pouco rematouse, pero que deixou secuelas. Daqueles miles de pequenos unha vintena recalou na Coruña. En 1949 Any, Anne Marie, empezou a vivir na praza de Lugo en casa da familia Neto Álvarez-Uría. Gabriel e Sara eran pais de sete fillos, todos algo maiores que ela. Desde aquel momento converteuse na filla pequena e pasou con eles nove meses. «Aquí coñecín as laranxas», lembra nun perfecto castelán. Con 18 anos gastou os aforros en regresar a España e nunca perdeu o contacto coa súa familia coruñesa. É posible que sexa a única daqueles miles de nenas e nenos rubitos que mantivo o vínculo co seu pasado español. «Viño a case todas as vodas dos fillos daqueles sete irmáns que a recibiron en 1949», apunta Anxo. Setenta anos despois Ane Marie, acompañada onte por un dos seus fillos, Thomas, volveu sentir o cariño dos seus parentes adoptivos. Case oitenta familiares de tres xeracións diferentes acudiron á comida que se celebrou no restaurante Comarea Marina . Había que celebrar que teñen unha amiga austríaca desde 1949. Entregáronlle, entre outros agasallos, unha carta do embaixador de Austria en España na que recoñece o exemplo deste muller para unir os dous países.