O domingo hai que votar por... os mellores callos

Pablo Portabales
pablo portabales A Coruña

A Coruña CIDADE

CESAR QUIAN

Víctor Vázquez, propietario de Casa Matilde na Atocha Alta celebra o domingo 26M unha xornada dedicada a elixir os mellores callos que se presentan ao concurso que convocou por primeira vez

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aquí importa a figa. Os que participan xóganse os garavanzos. O primeiro premio é unha visita a unha adega da Rioxa; o segundo, un smartbox xentileza de Gadis, e o terceiro, unha cea para catro persoas en casa Matilde, o local da Atocha Alta que organiza este próximo domingo 26M o primeiro concurso de callos caseiros. As sondaxes din que non hai favorito. «Eu viaxo bastante e vexo que por aí adiante fan concursos de cachopos, de fabada e aquí, co bo produto que temos, pois tamén», explica Víctor Vázquez. Polo momento presentaron candidatura 16 aspirantes, «pero queda algunha praza aínda», díxome o martes pola tarde o hostaleiro. O músico e produtor Gandy; Rubén García, copropietario do Peculiar e do Intenso, ou o veterano gastrónomo Luis Moya, entre outros estómagos poderosos, formarán parte do xurado que terá que determinar quen se merece gañar o certame. «Menos unha persoa, que ten un pequeno local na rúa da Torre, o resto de candidatos son afeccionados, veciños da zona ou doutros lugares, pero que se decataron do concurso e apuntáronse», destaca o promotor. Teñen que levar unha tartera con polo menos dúas racións para que o xurado poida probalos e repetir en caso de empate. A Banda do Camión amenizará a xornada para que non falte de nada. O domingo hai que votar por... os mellores callos. Para os membros do xurado a xornada do sábado será de xaxún, non de reflexión. Non haberá que agardar ata a noite para coñecer o nome do vencedor deste orixinal concurso.