Un escudo de Galicia nas murallas da Coruña

Xosé Alfeirán A Coruña

A Coruña CIDADE

PUERTA DE SAN MIGUEL
PORTA DE SAN MIGUEL ANGEL MANSO

Labrado en 1595, é un dos primeiros que empregan o cáliz e a hostia como símbolos

20 may 2019 . Actualizado ás 09:47 h.

Apenas podemos velo. O paso do tempo e a incuria case o borraron. Está na antiga Porta do Embarcadoiro, mal chamada de San Miguel, nas murallas da Coruña que rodean a zona do actual Hospital Militar. No lintel desa porta hai unha inscrición, difícil de ler, que di: «Reinando en España Philipe II acabose de facer esta muralla sendo capitán xeral deste reino don Diego das Mariñas, señor de Parga e Iunqueras. Ano 1595».

Enriba hai tres escudos. O central reflicte as armas da monarquía, o da esquerda é o de Diego das Mariñas e o da dereita é o primeiro escudo individualizado de Galicia, que hoxe saibamos, que presenta como armas o cáliz somado da hostia.

Foi en 1972 cando a Real Academia Galega adoptou o acordo de fixar como as «verdadeiras armas do antigo Reino de Galicia» as «de azul, cálice de ouro somado de hostia de prata e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal , tres a cada lado, en pala, e unha no medio do xefe. Ao timbre, coroa real». Este acordo serviría de base para que en 1984 o Parlamento de Galicia dese a súa sanción legal e o aprobase como o escudo oficial de Galicia. Pero, por que un cáliz? E son estas as verdadeiras armas de Galicia, ou hai outras?

Seguindo os estudios dos heraldistas Faustino Menéndez Pidal, Jaime Bugallal e Eduardo Pardo de Guevara, o escudo máis antigo ata agora coñecido de Galicia non se orixinou aquí, senón que se documenta en Inglaterra. Está recollido nun armorial composto cara a 1282, o Segar’s Roll, onde atribúese ao «Rey de Galice» un escudo en azur con tres copas ou cálices de ouro. Para os heraldistas esta atribución procede da identidade fonética que en lingua anglonormanda dáse entre «Galice» e «Calice». Neste sentido é un escudo falante, nome co que se identifican a aqueles escudos no que a figura que se emprega reflicte unha palabra que alude, semella ou é idéntica ao nome do representado. No caso de Galicia sería o cáliz.

Desde entón empregaríase con variantes que cambian co paso do tempo: copa aberta, a finais do século XIII, copón pechado, nos séculos XV-XVI, cáliz con hostia, desde mediados do XVI, e a custodia, nos XVII e XVIII, acentuándose progresivamente o seu carácter relixioso e eucarístico.

Esta evolución é froito da relectura que en cada época fai a elite social dos seus símbolos e emblemas. Múltiples razóns influíron. Entre eles está a propia dualidade de significados da palabra cáliz, pois ademais de copa que serve para beber, tamén era o vaso sagrado para a consagración. E sobre todo a auxe do culto eucarístico que, ademais de contar na catedral de Lugo co privilexio inmemorial da súa exposición permanente, sería reafirmado en 1551 no Concilio de Trento.

Foi por iso polo que a partir desa data na monarquía católica española aparecería o cáliz sumado da hostia como símbolo de Galicia. O testemuño máis temperá é de 1554 e está no escudo real, xunto a leóns e castelos, na casa onde se aloxou Felipe II en Sarandós, Abegondo, e acada a súa forma solemne individualizada no escudo coruñés da Porta do Embarcadoiro en 1595. De aí a hoxe.