Premio á muller que fai de todo

Pablo Portabales
pablo portabales A Coruña

A Coruña CIDADE

cedida

María Buján recibiu de mans da alcaldesa de Betanzos, María Barral, o premio Úrsula Meléndez de Texeda, co que recoñecen a traxectoria desta betanceira incansable á hora de dinamizar o centro social As Minas de Tiobre

23 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Todos os días veño ao centro. Por suposto. Pola mañá e pola tarde», comenta María Buján Carreira, de 92 anos. «En agosto fago 93», precisa. Nas últimas horas recibiu o premio Úrsula Meléndez de Texeda que concede o concello de Betanzos e que recoñece o labor dunha muller do concello. «Premiamos o seu traballo incansable para dinamizar o centro social das Minas de Tiobre. Por crear grupo, por fomentar actividades para todas as idades durante moitos anos», indican desde o goberno municipal. «Chorei. Estou moi emocionada», recoñece María, que é vicepresidenta da asociación. Viviu bastantes anos en Bilbao, onde emigrara o seu marido en busca de traballo. Desde que regresou unha das súas principais actividades foi o centro cívico. «Era unha vella escola arruinada e arranxouse. Merendamos, comemos, facemos ximnasia, imos de excursión, xogamos....», relata. O curioso desta veterana de espírito xuvenil é que ela organiza as actividades e tamén participa nas mesmas. «Fago de todo. O próximo vai ser un curso de informática e xa xuntei dous grupos», avanza María, que me invita ás festas da localidade. Aí teñen á alcaldesa de Betanzos, María Barral, entregándolle o merecido premio á súa homónima, a muller que fai de todo.