Por que se lle caen as uñas ao neno?

R. D. SEOANE A Coruña

A Coruña CIDADE

Eduardo Fonseca Capdevila
Eduardo Fonseca Capdevila MARCOS MÍGUEZ

Os dermatólogos pasan revista aos virus da enfermidade mano-pé-boca, que afecta sobre todo aos menores de 5 anos

05 abr 2019 . Actualizado ás 15:23 h.

Chámanse virus Coxsackie, viven no intestino e, na nosa contorna, non adoitan provocar graves problemas, aínda que si inquietude entre os pais dos pacientes, xa que están detrás da coñecida popularmente como enfermidade mano-pé-boca que acostuma afectar a nenos de menos de 5 anos e nalgúns casos provoca a caída das uñas. 

Este cadro xeralmente leve está a ser obxecto de revisión no simposio internacional de Dermatoloxía que, organizado polo servizo do Chuac, que dirixe Eduardo Fonseca, reúne a 150 especialistas en Palexco.

O propio Fonseca explicou que fai un par de anos na cidade da Coruña rexistrouse «unha pequena epidemia» entre unha vintena de pequenos. «É unha infección por virus, saen pequenas ulceritas na boca, a man e o pé, a inmensa maioría son benignos, pero poden dar complicacións en nenos con exemas previos ou problemas de inmunidade», explicou o especialista. 

A transmisión en idade pediátrica é máis común, xa que os nenos se contaxian por secrecións respiratorias, por contacto directo das lesións dun pequeno a  outro, ou por contacto coas feces. «A maioría dos casos pasan totalmente desapercibidos», insiste o dermatólogo sobre un grupo de enterovirus que, con todo, teñen interese científico porque en zonas de Asia e o Pacífico atopáronse cepas moito máis agresivas, capaces de causar cadros «moito máis severos e provocar mortalidade». 

Identificados en 1957 en Toronto por unha epidemia infantil con febre, faringitis e exantemas, os virus Coxsackie «non necesitan de normal, nos casos que se dan aquí, máis tratamento que o sintomático: febre se o neno ten febre e soro se non come ; con iso, recupéranse case espontaneamente»,recalca o especialista. Con todo, o interese dos dermatólogos por estes cadros radica en que «o importante é distinguilo doutras enfermidades, como os casos diseminados de herpes, que si que son graves e hai que tratalos»