Filloas de Monte Alto con tutú

Pablo Portabales
pablo portabales A Coruña

A Coruña CIDADE

CESAR QUIAN

Rosa María Fernández Rey foi a vencedora do concurso de Radio Voz e Gadis

01 mares 2019 . Actualizado ás 17:25 h.

Rosa María Fernández Rey é un bulebule. Pura enerxía. E desde onte a coruñesa que pode presumir de facer as mellores filloas do entroido coruñés. «Vou que non mo creo. Estou emocionada», acerta a dicir esta muller moi de Monte Alto. «E moi da torre de Hércules. Ata os tres anos vivín nunhas casiñas que había antes de chegar á Torre. Despois fómonos a cálea Faro e agora vivo en San Antonio», relata co seu estilo directo e alegre. Participou por primeira vez no concurso de Gadis e Radio Voz que leva celebrando 34 anos e gañou.

CESAR QUIAN

De primeiro nivel

Ramona Blanco , a que máis veces obtivo o primeiro premio na modalidade de filloas de caldo probou as de Rosa e deu a súa aprobación. «Están perfectas». «Fíxenas onte pola noite (polo xoves). Botei dous ósos de espinazo, un anaco de lacón non moi grande e, unha vez que ferveu, deixeino bastante tempo a lume lento. Nesa agüiña engadín os ovos e a fariña a ollo e batino todo ben. Co touciño de toda a vida unté a tixola», relata con naturalidade, e remata cun consello impoñente: «As dúas ou tres primeiras non valen, e a partir de aí a tixola vaichas dando soas». Ten 49 anos, traballa no sector da limpeza e sempre soñou con presentarse ao certame. Ata este ano non se atreveu a pedirllo á súa xefa. Unha artista do entroido que presentou o prato de filloas cun tutú. «Utiliceino o ano pasado para o disfrace de choqueira», confesa.

CESAR QUIAN

Os do xurado

Os profesionais da cociña Pablo Pizarro, Álvaro Victoriano, Alma García e Joseba Andoni formaron parte do xurado. Tamén cataron as decenas de filloas os colaboradores de Radio Voz Javier Ozores, Mayte Fernández, Carmen Delia Díaz e Luis Paadín. Completaron a nómina de expertos o xornalista de La Voz ÁlexCenteo , as profesionais do departamento de relacións públicas de Gadis Ana Pajares e Lucía Santos, e o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, natural de Lestedo. «As gañadoras deste concurso recibirán o mandil de honra no certame que celebramos o domingo 10 de marzo», anuncia. Tere Rico e o seu marido, Alberto Piñeiro, obtiveron o premio na modalidade de leite. Belén García Sabio, impúxose en filloas recheas, e o trofeo recolleuno a súa nai. Araceli López Carballeda conquistou o da orixinalidade. Como cada ano as filloas que concorren ao histórico concurso de Gadis e Radio Voz foron enviadas á Cociña Económica.

CESAR QUIAN