Linares Rivas ou o punto de non retorno dos colapsos no centro urbano

E. E. A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O problema dos túneles é que cando se pechan o caos que se crea só se pode atallar moito antes de chegar ao centro. A Policía Local recomenda empregar as roldas cando iso sucede. O drama xorde cando o condutor se pasa os desvíos que hai para iso e desemboca no centro. Os que chegan da avenida da Pasaxe e pasan a Casa do Mar xa están perdidos, o mesmo que os que acceden por Alfonso Molina e sáltanse o último desvío, o de Fernández Latorre. Pasado ese punto éntrase nunha zona sen retorno.

 Ata hai pouco, os atrapados en Linares Rivas podían aínda dar a volta na praza de Ourense, pero ese xiro está agora prohibido. Sen o paso subterráneo os coches só poden chegar á Cidade Vella e Monte Alto a través de San Andrés ou polo paseo desde o túnel de Juana de Vega . O problema en ambos os casos é que os coches pasan dun nun por un pescozo de botella regulado por semáforos, insuficiente para dar saída a miles de vehículos. E peor aínda se o condutor pretende acadar San Andrés por Rúa Nova, porque aí si que se pasa dun nun con contagotas.

Hoxe non hai alternativa cando o subterráneo colapsa. Tampouco se busca, o goberno local non impulsou ningunha mellora para o tráfico rodado, senón ao contrario, coa esperanza de acabar disuadindo aos condutores de usar o coche. Ata agora o volume de tráfico non decreceu, pero si o número de condutores encabuxados e resignados.