Viños en Pocomaco

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

A Cooperativa Galega de Hostalería, que dirixe José Carrón, acaba de abrir na súa nave de Pocomaco o espazo Hostalería Selección, unha gran tenda do viño con máis de 2.000 referencias

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Cooperativa Galega de Hostalería, que ten nin máis nin menos que 75 anos, acaba de abrir unha tenda ao público. Recordo que hai anos tiveron outra na rúa San Agustín. Esta é diferente porque ocupa un amplo espazo dentro da nave que teñen en Pocomaco baixo o nome de Hostalería Selección. «Somos unha gran tenda do viño. Ofrecemos máis de 2.000 referencias entre viños, espumosos e licores. Tantos viños españois como doutras partes do mundo en perfectas condicións de conservación porque temos un espazo climatizado», explica José Carrón, director da cooperativa. «Esta nova tenda foi creada non só como un ambiente dirixido á venda, senón que pretende ser un lugar dinámico onde se promovan actividades que axuden á promoción e coñecemento de novos produtos ou ao deleite doutros máis tradicionais. Seguindo esta fórmula realizaranse catas e presentacións», informan.