Fina Paulos Lareo: «Os profesores de FP téñeno máis difícil ca os do ensino secundario»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

Nomeada polos seus alumnos a mellor profesora de FP de España, esta semana saberá se vai á final dos Educa Abanca

02 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Acostumados a non xogar na primeira división, os profesores da FP están feitos dunha pasta especial. A moitos tócalles bourar con escasos alumnos, de idades moi diversas ou pouca motivación. Fina Paulos, mestra vocacional de traballo intenso e tenacidade diaria, sabe como dirixilos á vitoria final. Quizais por iso está nomeada a mellor docente de España nos Premios Educa Abanca, «os Goya do ensino».

-Como reaccionou cando soubo do nomeamento?

-Pensei que era unha broma dalgún compañeiro! [Risas].

-Suponse que isto sae dos propios rapaces.

-Polo tipo de alumnos aos que dou clase, na FP básica, chamoume moito a atención que se lles pasara pola cabeza nomearme.

-A FP segue a ser pouco coñecida. Como son os seus alumnos?

-Na FP básica estudan rapaces de entre 15 e 19 anos que non obtiveron o título da ESO. Aquí teñen a última oportunidade para reengancharse ao sistema.

-Había un precedente de que estaba facendo as cousas ben. Falo do seu proxecto Ensina Avós, que recibiu un premio.

-É un programa de alfabetización para maiores. O que máis ilusión me fixo foi que os meus alumnos acudiron á presentación, cun cartel que poñía «Fina», porque eu ese día estaba de baixa.

-Emociónase ao lembralo.

-Si. Eu rífolles moitísimo, pero logo eles danse conta de que os apoio [volve a emocionarse].

-Como fai para motivalos?

-Intento adiviñar que é o que lles gusta. Trato de enfocar o que lles teño que dar por cousas afines a eles. Que vexan a utilidade. Eu dou Ofimática.

-Que opina de que nestes premios haxa unha categoría para a FP, a gran esquecida sempre?

-É fantástico. A FP non ten, aínda, o prestixio ou o recoñecemento que ten o bacharelato.

-Hai que prestixiala máis para non sentirse profes de segunda?

-É certo que moita xente ve a FP como ensinanza de segunda categoría, pero eu penso que iso está cambiando pouco a pouco.

-Queda camiño por percorrer.

-Si. Aínda queda. No resto de Europa está mais valorada. Un alumno dun ciclo superior de FP ten coñecemento de empresas, formación laboral, sabe interpretar unha nómina... Se falamos de informática, sabe montar un equipo ou facer unha aplicación. Un alumno de bacharelato carece deses coñecementos.

-Cantos alumnos ten?

- Este curso, en primeiro da FP básica, teño 15 rapaces. O ano pasado eran seis. Case lles das clases particulares. Son rapaces aos que lles costa estar sentados e prestarche atención. Non teñen a motivación dun rapaz da ESO.

-Os profes de FP téñeno máis difícil que os de secundaria?

-Si. O teñen máis difícil. Un rapaz da ESO ten unha motivación, quere estudar para facer unha carreira; pero un alumno da FP básica, polas dificultades que sexa, non ten a posibilidade de estudar o que realmente quere. Por iso son moi especiais. Dar clase aquí é moi diferente.

-É gratificante?

-Si, sobre todo cando veñen darche as grazas por algo. Pero ás veces saes con dor de cabeza.

-Ten días de desesperarse?

-Como eles, supoño. Hai veces que están moi animados e outros nos que eu pido auxilio [risas]. Pero sempre ves a algún que quere aprender.

«En octavo de EXB xa daba clases aos meus veciños para acadar cartos»

A organización dos Premios Educa Abanca publicará, o vindeiro mércores, os nomes dos finalistas a mellor profesor de España. Fina Paulos (Santa Marta de Babío, 1972) está nomeada na categoría de Formación Profesional.

-Gústalle ser profe?

-Siii. Teño a sorte de vivir do que me gusta.

-Sempre quixo dedicarse a isto?

-Eu son da época da EXB. En octavo xa daba clases particulares no verán aos veciños da miña vila para poder ir á excursión de fin de curso.

-Onde estudou?

-Fun ó colexio público de Bergondo Cruz do Sar [onde todos a chamaban Pepa]. Na parada do bus chegamos a ser 13 cativos. Eramos do sitio que máis xente levaba ao cole!

-E despois?

-Despois fixen bacharelato e COU en Betanzos e logo estudei FP de Informática na Coruña, no Fernando Wirtz. Axiña empecei a traballar nunha academia e logo pagueime os estudos da UNED.

-Estudaba e traballaba?

-Si. Traballaba de día e de noite fixen a Enxeñería Técnica de Informática pola UNED.

-Leva catro anos dando clase nun instituto de Vilalba pero reside en Oleiros (A Coruña). Vai e ven a diario?

-Este ano somos catro compañeiros e compartimos coche. Lévanos 55 minutos, son uns 85 quilómetros. Compénsame porque teño horario de mañá e podo estar coas miñas fillas pola tarde.

-Está no IES Lois Peña Novo.

-E moi a gusto. O ano pasado ofrecéronme ser a vicedirectora e aceptei.

-Terá comprada xa a lotería de Nadal, non si?

-Sii [risos]. No centro que está enfronte tocoulles o ano pasado.

-No bar Cascudo de alí preto caeu o Gordo, xa sabe...

-Paso todos os días por diante!