A Coruña recibe a Paxarela Azul

La Voz LA VOZ / A Coruña

A Coruña CIDADE

Andy Perez

O Concello recibe o recoñecemento pola xestión e a reciclaxe de papel e cartón

15 novs 2018 . Actualizado ás 17:47 h.

A concelleira de Medio Ambiente, María García, recibiu onte a Paxarela azul, un distintivo que se traslada ás cidades que seleccionadas pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón pola súa excelencia na xestión da recollida selectiva de papel e cartón. «É un premio que indica que estamos xa no bo camiño coas iniciativas que temos en marcha, orientadas a acadar o residuo cero, á redución e á reciclaxe, e que imos mellorar co novo contrato de xestión de residuos que se converterá nun servizo máis próximo e máis cómodo, con mellor limpeza e coidado do espazo público, un incremento da reciclaxe e o tratamento de residuos in situ e cunha aposta decidida pola economía circular», considerou García. A concelleira estima que se recoñece o esforzo realizado polo goberno local en campañas vinculadas á «redución, reciclaxe e á recuperación de papel e cartón, como son as iniciativas enfocadas ao comercio e á hostalería».

Desde María Pita ampliáronse e reforzaron rutas específicas en zonas de alta concentración de comercios para a recolleita porta a porta, que se aplica tanto no centro como na rúa Barcelona, Os Mallos e Anxo Senra, A Gaiteira e a zona de Catro Camiños, ademais de manter a recollida selectiva con 300 centros colaboradores que son grandes produtores de residuos de papel e cartón, aspectos que, entende, foron valorados polo xurado.

«Na cidade recolléronse no pasado ano 4.571.760 quilos de cartón e papel, dos cales aproximadamente un 80,5 % proveñen dos contedores azuis da rúa, un 14 % das rutas porta a porta comerciais, e un 5,5 % dos centros colaboradores e institucións publicas», apunta García.