A oposición pide explicacións ao goberno local da Coruña tras a denuncia da Fiscalía na cesión de Proxecto Cárcere

La Voz A Coruña

A Coruña CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Desde o Concello aseguran que prestarán «a máxima colaboración» na investigación para esclarecer todas as dúbidas sobre o proceso

01 oct 2018 . Actualizado ás 18:03 h.

A decisión da Fiscalía de denunciar ao Concello da Coruña ao entender que se puido cometer un delito de prevaricación na cesión da antiga prisión provincial a Proxecto Cárcere non tardou en xerar reaccións nos diferentes gurpos da oposición.

Desde o PP consideran que o alcalde, Xulio Ferreiro, debe dar «explicacións públicas e urxentes ante as irregularidades» dunha adxudicación «a dedo» do antigo cárcere. Os populares consideran que a cesión se fixo «con bases a medida a unha asociación formada por concelleiras e asesores da Marea Atlántica» e lembran que do mesmo xeito que o Consello Consultivo ratificou as acusacións de irregularidades na compra dos pisos a un afín da Marea, «agora é a Fiscalía Provincial quen presenta unha denuncia por presunta prevaricación ante o xulgado».

O BNG asegura que a decisión da Fiscalía é unha «mala nova porque entende que existiu prevalencia de interese, e iso significa que o procedemento polo que se levou adiante a cesión das instalación non foi o axeitado». A portavoz nacionalista, Avia Veira, lamenta que «a única entidade que leva apostando pola recuperación dese espazo e que presentou unha proposta seria e rigorosa para o conxunto do espazo se vexa afectada pola escolla do goberno local do modo de cesión do uso do antigo cárcere provincial». Para rematar, desde ou Bloque consideran que se algún membro do executivo resultase investigado -imputado- «a Marea Atlántica debe actuar en consecuencia e cumprir co punto 9 do seu programa electoral».

O grupo municipal de o PSOE lamentou que tras a decisión da Fiscalía «esteamos nun ámbito de dar explicacións xudiciais sobre cuestións que xa dixemos no seu momento que non estaban ben construídas» e anunciou que convocarán a comisión de participación para debater sobre esta e outras cuestións vinculadas á área que dirixe Claudia Delso. «O Proxecto Cárcere tíñase que ter asignado directamente cunha subvención directa tal e como os socialistas expomos e non pretender vestir de concorrencias competitivas aquilo que dificilmente podíase explicar», comentou o portavoz socialista, José Manuel García.

Pola súa banda, o goberno local móstrase disposto a prestar «a máxima colaboración» na investigación que derive da denuncia da Fiscalía para esclarecer todas as dúbidas sobre o proceso. A concelleira Claudia Delso asegura que o procedemento tiña como único obxectivo «recuperar para a cidade da Coruña e a súa cidadanía unha infraestrutura clave, como é o antigo penal da Torre» e sinalou que a cesión non ten beneficio económico para a entidade que resultou adxudicataria.