Só o 44 % dos citados entregan as mostras do cribado de cancro de colon

R. Domínguez A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

O Chuac detectou medio centenar de tumores, todos en persoas sen síntomas e en estadíos anteriores ao habitual

27 sep 2018 . Actualizado ás 10:51 h.

O programa de cribado de cancro de colon na área sanitaria da Coruña, que cumpre un ano desde a súa posta en marcha, deu xa os seus primeiros froitos. Do máis de milleiro de colonoscopias practicas nos oito primeiros meses do 2018, xa son 52 as persoas ás que se lles detectou un tumor de forma precoz e a outras 600 extirpóuselles algún pólipo. O 70 % deles eran adenomas de alto ou medio risco, lesións que en casos son precursoras da enfermidade oncolóxica, de aí a importancia de diagnosticalas e extirpalas canto antes.

Estes datos, entre os que destaca que a incidencia de tumores e adenomas de alto risco foi catro veces maior en homes que en mulleres, son a consecuencia dun plan de detección temperá que aspira a acadar maior cobertura logrando aumentar a participación, xa que ata agora só o 44 % dos invitados a tomar parte no programa entregaron as mostras para o cribado.

No screening anímase a participar a todas as persoas de entre 50 e 69 anos mediante unha carta que xa foi remitida ao 56 % da poboación diana. Nela achégase un cartón de aceptación co franqueo pago, de modo que se se envía por correo ordinario ou se confirma vía telemática, remíteselle a casa o kit co material e a información para tomar a mostra de feces que debe levar ao centro de saúde .

Na área coruñesa xa hai cincuenta puntos de atención primaria co programa en marcha. Desde os ambulatorios remítense os test ao laboratorio do hospital para comprobar se hai sangue oculto. No caso de que así sexa, envíase ao paciente unha cita para o seu médico de cabeceira co obxectivo de que o doutor lle explique o procedemento a seguir, que pasa por realizar unha colonoscopia para comprobar se ten lesións e o seu nivel de risco.

Os test comezaron a realizarse en outubro, en novembro púxose en marcha a consulta de pre-colonoscopia na Casa do Mar e en decembro empezaron as colonoscopias ao 6,25 % dos pacientes que deron positivo na analítica. 

«Temos a mellor ferramenta xa non para tratar antes, senón para previr o cancro. Usémosla»

MARCOS MÍGUEZ

Pedro Alonso é o xefe do servizo de Aparello Dixestivo do Chuac

-Pouca participación?

-Está nos niveis habituais. Agardamos que vaia crecendo. A experiencia demostra que na primeira rolda adoita estar en torno ao 50 % e despois vai aumentando.

-Lembre por que debe facerse.

-O de colon no cancro máis frecuente, non o é nin o de mama, nin o de próstata nin o de pulmón. Se non dividimos á humanidade por sexos, é o de maior incidencia e en mortalidade está só por detrás do pulmonar. Ademais, é a quinta causa de morte en Galicia.

-E detectalo antes mellora o prognóstico.

-Cos datos do programa galego podemos asegurar que os cancros detectados co cribado, a xente que estaba na súa casa sen notar nada, teñen polo menos un estadío menos, están menos avanzados, que os diagnosticados fóra do programa nas consultas normais, ás que o paciente pediu cita porque xa ten síntomas. Temos unha ferramenta magnífica, a mellor, xa non para tratar precozmente, senón para previr o cancro de colon. Usémosla.

-Como valora os resultados?

-Fixemos máis de mil colonoscopias desde principios de ano, unha actividade moi importante. Ao principio chamaba a atención que descubriamos máis pólipos que noutras comunidades. É importante porque aínda que é verdade que a maioría deles están anos e anos no corpo sen que pase nada, tamén é certo que algúns son s precursores do cancro, son premalignos e deben extirparse. Non hai que alarmar, pero si informar.

-Fano na colonoscopia?

-Na inmensa maioría dos casos na mesma. Salvo en circunstancias: se o intestino non está limpo, se o paciente require unha sedación máis profunda ou se é un pólipo moi complexo.