Mil traballadores do Chuac poderán cambiar de centro, horario ou unidade

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

Xerencia e Xunta de Persoal asinan o acordo de mobilidade interna voluntaria para persoal estatutario

14 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xerencia de Xestión Integrada da área sanitaria coruñesa e asinárona onte o acordo de convocatoria de mobilidade interna dentro dos centros que pertencen ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

O concurso voluntario, que foi aprobado por unanimidade polos sindicatos con representación na xunta de persoal, é un dos maiores convocados ata agora no centro sanitario coruñés, xa que supón a oferta dun total de 1.055 prazas, todos os postos vacantes no complexo, segundo subliñaron onte tras a firma.

Do máis de milleiro de destinos, 757 pertencen a persoal sanitario non facultativo (enfermeiros, auxiliares, técnicos sanitarios, fisioterapeutas...) e o resto, 298, a persoal non sanitario de xestión e servizos (celadores, administrativos...). O persoal fixo das categorías abertas que desexen participar poderán optar a un novo posto de traballo, cambiar de centro, horario ou unidade dentro do ámbito do Chuac.

Aberto a 3.000 profesionais

Esta convocatoria de mobilidade interna, a primeira aberta desde o ano 2015, é voluntaria e está dirixida ao persoal estatutario con praza en propiedade que cumpra os requisitos establecidos para os postos convocados, algo máis de 3.000 profesionais do Chuac.

Os aspirantes deberán incluír os seus méritos no expediente electrónico de persoal (expedient-e) e entre os méritos que se valorarán figura a experiencia profesional ou antigüidade en institucións sanitarias públicas, a formación continuada, e a docencia.

Segundo o acordo asinado, constituirase unha comisión de traslados internos paritaria, cun representante de cada sector sindical e igual número de integrantes da dirección da área. Todos os membros terán voz e voto e os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes. Ademais de aprobar as prazas ofertadas, a comisión avaliará as actas presentadas e elaborará as propostas de resolución. Tamén se constituirá unha comisión técnica por cada unha das categorías convocadas para revisar e adoptar decisións sobre a baremación.

Tres meses

A xerencia programará a incorporación aos novos destinos de forma progresiva e nun prazo non superior aos tres meses desde que se produza a resolución definitiva.