Denuncian o comercio ilegal de cans a cambio de móbiles de alta gama ou armas

La Voz

A Coruña CIDADE

Libera e Fundación Franz Weber trasladaron a Medio Ambiente 35 anuncios na Rede

15 sep 2018 . Actualizado ás 11:34 h.

A Asociación Animalista Libera! e a Fundación Franz Weber denunciaron ante a delegación territorial da Consellería de Medio Ambiente  a existencia dun comercio ilegal de mascotas onde chegan a ofrecerse cans de caza que se cambian por móbiles de alta gama ou escopetas, e exemplares «sen papeis» a través dunha páxina web de compravenda. En total ambas as entidades recolleron 35 novos anuncios de venda ilegal na provincia. Os animalistas advirten que ningún dos anuncios capturados, así como outras decenas deles sen recoller, cumpre as  especificaciones da Lei de Benestar Animal de Galicia en relación ao comercio de animais, onde se esixe un número de inscrición no Reganuz, o Rexistro Galego de Núcleos Zoológicos, visible en calquera oferta ou proposta de venda.

Ademais, os defensores dos animais aseguran que constataron que «as transaccións irregulares de cans explotados en cacerías son masivas e descontroladas, fomentan un comercio ilegal que comete tamén unha fraude á Facenda pública xa que nin existe pagamento de IVE, retencións de IRPF nin declaración fiscal algunha».

FFW e Libera consideran que determinadas empresas en Internet estaríanse lucrando dunha infracción de carácter grave, sancionada na normativa autonómica con ata 5.000 euros de multa. Ademais, alertan de que estas transaccións «carecen de calquera garantía sanitaria» e que mesmo detectan ofertas de cans sen vacinar nin identificar.