Traballadores do Abente e Lago piden que se regule o aparcadoiro reservado da Cidade Vella

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

CESAR QUIAN

Entregaron 200 firmas ao alcalde para que tamén se facilite estacionar aos pacientes do centro

13 sep 2018 . Actualizado ás 22:13 h.

Un grupo de traballadores do Hospital Abente e Lago entregaron onte ao alcalde 200 firmas para solicitar que se regulen as zonas de aparcadoiro reservadas para os residentes na contorna da Cidade Vella, coincidindo co plan de peonalización, xa que, segundo puideron constatar «a maior parte do día están as prazas baleiras».

Nunha reunión mantida onte con Xulio Ferreiro e o concelleiro de Mobilidade, Daniel Díaz Grandío, o colectivo trasladou ao rexedor as especiais circunstancias do casco antigo, xa que, a diferenza dos doutras cidades onde se limitou a circulación, o da Coruña conta cun centro sanitario no que «ademais dos 200 traballadores que acudimos ao noso posto a diario, pasan miles de pacientes todos os días que ven obrigados a pagar un aparcadoiro que non é nada barato para acudir a consultas ou a ser operados e creemos que o usuario da sanidade pública non ten por que sufrir esas consecuencias», explicou María S. Paz, portavoz do grupo.

En horario laboral

No Abente e Lago, indicaron, non só se atopa un punto de atención primaria, senón tamén moitas das consultas externas do Chuac e equipos como a Unidade de Mama e Oftalmoloxía cunha intensa actividade cirúrxica, xa que se trata dun centro especializado en cirurxía de curta estancia.

«Pensamos que non é lóxico que pacientes e traballadores teñamos dificultades para aparcar cando vemos que nalgunhas zonas reservadas, como a da Maestranza, durante o día apenas hai dez coches», sinalou. A afluencia á zona, engadiu, increméntase agora co fin das vacacións, a normalización da actividade sanitaria e a volta ao cole, por iso é polo que consideren que unha medida sería facilitar o uso das prazas libres polo menos durante o horario de maior intensidade laboral.

Tras a entrevista con Ferreiro, o grupo asegurou que o propio alcalde, tal e como xa anunciara o martes, mostrouse disposto a revisar a situación do aparcadoiro tras o seguimento de ocupación realizado durante o verán e indicoulles que se adoptarán decisións tras a reunión xa prevista que se celebrará en outubro con veciños e comerciantes.