Protestas polo peche de camas no Chuac e pola redución de pediatras nos centros de saúde

Tamara Rivas Núñez
tamara rivas A Coruña / LA VOZ

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

Desde o hospital aseguran que se trata dunha situación puntual

04 jul 2018 . Actualizado ás 11:31 h.

A Comisión de Centro de Atención Especializada da EOXI da Coruña denunciou o peche de camas previsto para este verán no Chuac, o que provoca «unha situación de caos, con imaxes nas que podemos ver a pacientes amoreados nos corredores en condición deplorábeis». Sinala ademais, que ante a falta de camas nas diversas unidades de hospitalización, os enfermos permanecen durante horas no servizo de Urxencias e esixen medidas urxentes que emenden o problema, que pasaría, por unha «dotación de camas axeitadas».

Desde a xerencia do Chuac aseguran que se trata de «unha situación puntual causada polo aumento da actividade cirúrxica previa ao período vacacional» e aclaran que durante a etapa estival manteranse operativas «preto do 90 % das camas funcionantes», con posibilidade de acadar o 100 % «se así o requirise a demanda». A planta 11 do complexo hospitalario, na que están situadas as unidades de Uroloxía e Hematoloxía, permanecerá totalmente pechada para levar a cabo as obras de substitución da cuberta e climatización nos cuartos de illados. 

Reordenación de pediatras

A falta de pediatras durante os meses de verán é outra das queixas recorrentes dos pacientes cando se achega o período estival.

O BNG presentou ante o Parlamento de Galicia varias iniciativas para que se garanta a prestación deste servizo durante as vacacións dos médicos titulares. A formación nacionalista asegura que nos centros de Novo Mesoiro, os Mallos, Labañou e os Rosales haberá «grandes recortes no servizo» durante os meses de xullo, agosto e setembro. O BNG cualifica a situación de «inadmisíbel» e esixe ao Sergas a cobertura de profesionais para garantir un servizo con total normalidade e coa «menor distorsión para a veciñanza».

O responsable da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, Luis Verde Remeseiro, indicou que os cambios estivais obedecen a unha «estratexia autonómica» que pasa pola agrupación dos pediatras dispoñibles para, por unha banda, poder dar cobertura a todos os pacientes da cidade cos mínimos desprazamentos, e por outro, para conciliar o dereito ás vacacións dos profesionais de Pediatría e «primar a calidade e accesibilidade fronte á proximidade».

Cambios nos servizos de cinco centros de saúde

Durante o verán, os servizos de pediatría dalgúns dos centros de saúde da cidade sufrirán variacións nos seus horarios. Así, a atención no de Labañou pasará a facerse nos Rosales en horario de mañá, do mesmo xeito que nos Mallos, xa que o centro de saúde pechará polas tardes. En Elviña e Novo Mesoiro reducirase o persoal nun médico a media xornada, pero seguirán contando con tres profesionais. O resto de centros de saúde continuarán co seu funcionamento normal.