Veciños e comerciantes esixen prazas para aparcar na Cidade Vella

La Voz

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

As dúas asociacións piden ao Concello «datos precisos e planos» na véspera da reunión sobre a peonalización

22 may 2018 . Actualizado ás 09:58 h.

As directivas das asociacións de veciños e de comerciantes da Cidade Vella mantiveron onte unha reunión para acordar unha postura de cara ao encontro de mañá no Concello para falar do inminente plan de peonalización que prohibirá circular e aparcar a partir do 25 de xuño.

As dúas entidades, contan os seus presidentes, Pedro Roque (veciños) e Adolfo López (comerciantes), coinciden en que a proposta actual de prazas de aparcadoiro libre en superficie non soluciona nada. «Ten que haber prazas para residentes e en rotación», indica Roque, que pide datos precisos para poder falar. «Non sabemos cantos coches van ter que aparcar», di, e lembra que os plans fixados no Pepri e nas ordenanzas non serven. Coa normativa actual quedarían como máximo un 30 % de prazas para residentes, di Roque, pero esa porcentaxe é moi escaso, cando poden ser ata 1.300 coches con necesidades de sitio en superficie. O dato sae de sumar os 1.100 cartóns actuais de residentes a uns 200 vehículos máis da contorna de María Pita. É, con todo, unha estimación, porque carecen de datos. «Fannos falta planos e datos, isto aínda non está pechado», conta Adolfo López, que cre que se hai que modificar normas debe facerse. Hai máis cousas na axenda, como mellorar a sinalización para facilitar o acceso ao barrio ou ampliar os horarios de carga e descarga, pero o relevante, din, é solucionar o problema do aparcadoiro por centos de veciños que desde o 25 de xuño quedarán sen el.