Apúntache ao «First Dates» galego

A Coruña CIDADE

Marcos Míguez

ESTÁS FARTO DE SAÍR DE NOITE E NON ATOPAR PARELLA... Le con atención. Nun local da Coruña van facer todo o posible por emparellar aos corazóns solitarios que se apunten a estas citas a cegas. Ou non tanto, porque non che sintan con calquera, o obxectivo é lograr un «match».

20 may 2018 . Actualizado ás 01:35 h.

Necesítanse homes. Imos ser claros e directos. Este chamamento vai dirixido especialmente a eles, que escasean no tema do ligoteo. Elas, en cambio, parece que están máis dispostas. Só hai que ver como vai a convocatoria deste First Dates galego; mulleres-19, homes-2. Polo que repetimos: fan falta mozos de xeito urxente. A idea de reproducir o formato televisivo de citas a cegas xurdiu por mor de que unhas clientas do Almacén, na Coruña, comentáronlle a Jorge Santos, un dos propietarios, a dificultade para atopar parella.

 -O mercado está fatal, só hai gais.

-É que non sabedes buscar, por que non vos apuntades ao programa da tele?

-Que nervios coas cámaras, non, non, dános moita vergoña.

-E se organízovolo eu?

E por falar agora el ten por diante a ardua tarefa de emparellar ás 19 mozas, e non tan mozas porque as hai de 22 anos pero tamén de 66, que xa se apuntaron ás ceas First Dates deste local dos Olmos.

Así que ti, si, ti, que levas unha tempada queixándoche de que a cousa está moi mal, de que xa non se liga como antes, que a partir dunha idade cada vez está máis difícil atopar parella, le con atención porque destas liñas pode saír a túa media laranxa. Para participar o primeiro que tes que facer é completar un test de compatibilidade. Son 14 preguntas para as que se pide ante todo sinceridade. Non estás obrigado a contestar a todas. Iso si, cantas máis respondas e máis estendas a túa descrición, máis opcións terás de facer un match.

Eles estudan todas as respostas, redes sociais, gustos, teimas, peticións, expectativas... e intentan buscar a alguén que coincida entre os participantes. En canto teñan unha parella con moito feeling (polo menos sobre papel), poranse en contacto con eles para comunicarlles que a súa media laranxa pode estar preto e fixar un día para a máxica velada. Con catro ou cinco parellas xa organizan unha cea, así que, veña, a encher o cuestionario. ¡Fan falta comensais! 

UNHA SEGUNDA CITA?

O guion é similar ao do programa. Hai que deixar o móbil e o reloxo nunha caixiña na entrada. Despois gozar dun cóctel de benvida e para romper o xeo, e que o tema vaia xurdindo terán que enfrontarse a varios xogos durante a cea. Que pasará, pode ser unha gran noite...

É importante aclarar que a cea non implica comprometerse a máis nada que cear. Será ao rematar cando haxa que contestar á temida pregunta: «Gustaríache repetir esta cita?». Se a resposta é afirmativa, os mozos do Almacén ofrécenlles a oportunidade de continuar a velada gozando dun cóctel nun lugar máis íntimo, pero se din que non.... non crean que isto se acabou. Na planta de abaixo organízase unha especie de xogo revolto, un rebumbio para entendernos, con todas aquelas parellas que non callaron a primeira vista. E se cadra nunha segunda volta, e entre copa e copa, porque están invitados á primeira, pode xurdir algo. Así que se durante a cea xa ves que da túa mesa non sairá nada bo, bota un ollo ao resto porque poida que a noite non estea perdida.

«Son citas a cegas como no programa, pero nunca viramos nada así nun local. Fixéronse as típicas de coñecer a alguén, aos cinco minutos a outra persoa, e así varias roldas para decidir ao final, pero isto é máis novo», explica Jorge. Levan xa uns días coa convocatoria aberta e ata agora a balanza inclínase claramente cara ao lado feminino. De feito, as que xa están apuntadas están a empezarse a pór un pouco nerviosas. «‘Que pasa que non atopas a ninguén para min?' chegáronme a dicir. Que vai, ese non é o problema, é que non hai persoas coas que comparar afinidades», explica.

Non hai límite de idade, nin de orientación sexual... o único requisito é ter ganas de coñecer xente e pasarllo ben, o que veña despois da sobremesa xa corre por conta dos interesados. Aínda que por favor cóntenllo ao YES, que tamén temos alma de Cupido.