Por que tes que coidar os teus dentes

A saúde dental depende dos bos hábitos, pero ¿facemos o correcto? Os expertos aseguran que cometemos erros básicos na nosa hixiene diaria, e un fundamental: non visitar ao dentista todo o que deberiamos. A crise afectou de cheo á saúde bucal dos galegos e é o principal obstáculo para manter os dentes sans. O medo tamén fai que pospoñamos unha visita que pode evitarnos graves problemas

.

A crise foi, literalmente, como unha patada na boca para a saúde da poboación española, e tamén da galega. «A saúde bucodental dos galegos era excelente fai once anos, antes da crise, -explica José María Suárez Quintanilla, presidente do Colexio de Odontólogos da Coruña- pero empeorou a partir desta, porque a xente, por desgraza, non puido ir ás clínicas dentais habituais ou de confianza e moitos deles tiveron que optar incluso por extraer as súas pezas». De todas as áreas sanitarias, asegura o experto, foi a da odontoloxía a que se resentiu máis pola inestabilidade económica, «porque aquí os recortes os tivo que facer a propia familia, que tivo que atender outras prioridades máis perentorias para eles». A realidade é que a falta de medios públicos para atender determinadas patoloxías agravou a situación das familias, «que tiveron que envorcar a súa atención noutros aspectos como a alimentación, a roupa... que antes non entraban en competencia cos coidados bucodentais».

Aínda así, os galegos estamos nos primeiros postos da lista si falamos de ter os dentes sans. «A nosa comunidade está entre as cinco primeiras de España que teñen menores índices de caries e restauracións -recorda Suárez Quintanilla-. Ademais, tamén temos un excelente índice en canto a hixiene bucal. A cidade da Coruña, por exemplo, é unha das que máis e mellor se cepilla os dentes en España. Ademais, en xeral podemos dicir que os galegos gozamos dunha excelente saúde neste campo en canto aos plans preventivos da Administración. A proba é que hai moitos nenos que están a nacer sen caries e morrerán sen caries».

Pero pospor sen data a visita ao odontólogo non sempre ten causas económicas. O medo ao dentista é a causa de que, moitas veces, descoidemos a nosa saúde bucal con consecuencias irreversibles. «É algo atávico -explica o experto- porque non hai que esquecer que fai noventa anos as nosas avoas, e despois as nosas nais, sufriron a acción dunha odontoloxía na que non había bos anestésicos». A boa noticia é que o medo se soluciona. «De feito, no colexio temos unha vez ao ano cursos dedicados a eliminar a odontofobia. É verdade que na actualidade hai dúas solucións: pórse en mans dun bo profesional que controle a anestesia local e axudarnos con algunha sustancia que aumente a nosa capacidade de relaxación. O medo, ao final, é algo psicolóxico, herda da figura paterna ou materna... e iso queda gravado».

Votación
13 votos
Comentarios

Por que tes que coidar os teus dentes