Mil fígados para mil vidas

Marta Pérez, M. Ou.

A Coruña CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

O hospital coruñés marcou un fito ao acadar este ano o milleiro de transplantes hepáticos.  A intervención adoita realizarse cando o prognóstico da enfermidade é peor que a supervivencia prevista 

13 dic 2015 . Actualizado ás 09:53 h.

«Somos o país onde máis doantes hai e, aínda así, non cubrimos todas as necesidades. En Galicia estamos ao nivel da media española». Son as palabras do director do programa de transplante hepático do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Manolo Gómez. O hospital coruñés realizou recentemente o transplante hepático número mil a M.P, un galego que agora presume de ter fígado novo

O doante que lle ofertaron a M.P era de Asturias. O día da intervención o tempo non lles acompañou e tiveron que transportar o órgano en coche, aínda que en moitos casos se recorre ao avión. «Unha vez que se extraeu o fígado do doante pode aguantar ata nove horas, pero canto menos tempo se tarde en realizar a intervención, mellor», engade Manolo Gómez que sinala que, a pesar das  circunstancias, o proceso «coordinouse moi ben». 

Á hora de facer un transplante é necesario que o receptor cumpra varios requisitos, entre eles, a compatibilidade no grupo sanguíneo. No caso de M.P, non houbo que realizar unha transfusión de sangue porque o proceso foi ben. Os expertos lembran que non todos os casos que o requiren  poden ser intervidos. Os pacientes deben ser capaces de tolerar a operación. O límite de idade é de 70 anos, unha idade moi avanzada para unha intervención tan agresiva.

«O transplante hepático adoita realizarse cando o prognóstico é peor que a supervivencia que lle ofertamos polo órgano», comenta Gómez. Nalgúns casos de enfermidades como cancros localizados no fígado e con características especiais pódese realizar esta operación, aínda que a patoloxía máis frecuente pola que se realizan os transplantes é a hepatite, especialmente, a de tipo C que, a longo prazo, produce cirrosis. 

«Ata agora eramos moi restritivos coa hepatite porque sabiamos que, debido ao virus, os enfermos ían desenvolver unha hepatite nova no organismo» co tempo, explica Gómez, que incide en que os pacientes tiñan que ser o «suficientemente fortes para soportar a nova hepatite que ían padecer».

Visto así, parece non ter moito sentido o transplante. Entón, por que facelo? «Porque aínda así viven máis».

Con todo, cos novos medicamentos  que se aplicaron este ano os facultativos xa son capaces de curar a hepatite C e, teoricamente, os pacientes afectados xa non terán ese problema. É certo que na actualidade estes fármacos tamén funcionan sen necesidade de facer o transplante, pero hai un sector da poboación que «leva moitos anos coa enfermidade e. aínda que se libren do virus, non se vai a curar a cirrosis por iso é recomendable realizar o transplante», di Gómez, que achega uns datos sorprendentes: «Cando fas a serología viral aos doantes que son teoricamente sans, podes observar que o 3% ten o virus sen sabelo».

O proceso

Unha vez que o paciente pasou polo quirófano, danlle a benvida na sala de reanimación. Aquí adoitan estar, de media, uns tres ou catro días á espera de que o proceso evolucione favorablemente. «Nas primeiras 24 horas imos saber se o fígado funciona ou non», explica a Dra. Alejandra Otero de Dixestivo, que sinala que, nos casos nos que non hai compatibilidade co órgano, solicítase un novo «que vén con prioridade porque os fígados que fallan teñen urxencia nacional. Tamén é certo que estes casos son moi contados». 

O servizo de Dixestivo consta dunha unidade do transplante á que chegan todos os pacientes que pasaron por quirófano. Unha vez que chegan á planta, os enfermos adoitan estar ingresados uns 14 ou 15 días de media, aínda que houbo algún caso ao que se puido dar a alta pasados uns dez días desde a intervención. 

Os expertos aseguran que o transplante de fígado non é unha intervención á que haxa que terlle medo. É moi agresiva, si, pero o transplante de fígado tamén «é moi agradecido». E a maioría dos operados pode retomar a súa vida con normalidade. A única restrición que se lles impón aos pacientes trasplantados é que non poden beber alcol. Nin sequera unha cana fresquita nunha terraza no verán? Cervexa si pero sen alcol. Polo que se refire ao resto da dieta, non hai restricións. Poden tomar paté, lagostinos, xamón...  Ningún destes manxares aféctalles.

 «Non hai limitacións salvo que teñan diabetes  ou que sexan hipertensos. Polo fígado non hai prohibicións coa comida», engade a doutora Otero, que destaca a boa calidade de vida dos pacientes trasplantados: «Poden volver traballar, se queren, e facer unha vida completamente normal».

En Galicia, só os hospitais da Coruña e Santiago de Compostela realizan este tipo de intervención. «Santiago xa debe de estar tamén preto dos 1.000 transplantes», engade Otero, que incide que o investimento que supón a operación debe de compensar en canto ao número de pacientes: «Por comunidades isto está estudado, e hai un número determinado de centros que o realizan».

Galicia é a comunidade onde máis transplantes deste tipo levan a cabo en relación a poboación e España é a que máis transplantes fai do mundo. «A relación está máis que clara», engade o doutor Gómez que lembra que, xunto á comunidade galega, Murcia tamén está á vangarda. 

E que supón o transplante número 1.000 para o equipo do Chuac? É só un número máis? «É un orgullo e unha alegría, porque somos o primeiro equipo que empezou e iso é un claro sinal de madurez. O que é obvio é que se se poden realizar mil transplantes hepáticos con bos resultados é porque a calidade do hospital da Coruña é indiscutiblemente moi boa e, nese aspecto, non podemos estar máis contentos», conclúe o doutor Gómez.

Disto si podemos presumir como galegos.