Rexistran varios ataques de lobos nun monte de Coirós

S. Rodríguez COIRÓS / LA VOZ

COIRÓS

Imagen de archivo de uno de los ataques del 2016
Imaxe de arquivo dun dos ataques do 2016

Un veciño do lugar da Espenuca perdeu tres ovellas, pero optou por non reclamar «para evitar tanto papelorio»

23 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Sexan lobos ou cans salvaxes, varios gandeiros de Coirós perderon parte da súa riqueza nas últimas semanas. A zona da Espenuca volveu a ser o lugar dun novo ataque, no que un dos veciños perdeu as tres ovellas que quedaban. «E as tres preñadas», sinala José Luis, quen recoñece que optou por non reclamar o prezo dos animais «porque non compensa o pouco que che pagan por todo o papelorio e os desprazamentos que tes que facer á cidade». As ovellas atopábanse nunha parcela a apenas uns cen metros da casa cando foron atacadas.

Pero non foi o único damnificado dos últimos ataques de lobos -varias testemuñas aseguran velos na zona, así como excrementos desta especie-, que fai tres anos mataron todas as ovellas doutro residente.

Esta vez foi unha cabra que resgardaba nun galpón xunto á vivenda, pero os atacantes coáronse e tamén a mataron. Para rematar, tamén contabilizaron un carneiro noutra casa próxima da Espenuca como pasto dos lobos.

Os gandeiros reclaman axudas á Xunta para minimizar estes ataques, que se suman ás desfeitas que lles causa o xabaril nas colleitas. «Estamos vendidos, da igual o que fagas, todo son perdas», sinala unha veciña da Espenuca.