Morre o condutor dun camión nun accidente na A-6 en Coirós

La Voz A Coruña

COIRÓS

Anxo Manso

No sinistro víronse implicados dous vehículos articulados

08 ene 2019 . Actualizado ás 14:33 h.

O condutor dun camión perdeu a vida este luns nun accidente no quilómetro 561 da A-6, á altura de Coirós. No sinistro, que se rexistrou ás 10.45 horas no sentido decreciente da marcha, víronse implicados dous vehículos articulados, un dos cales embistió a outro por detrás.

O falecido é un home, de 62 anos e veciño de Lugo. Os bombeiros de Betanzos desprazáronse ata o lugar do accidente para excarcerar o corpo sen vida do condutor e único ocupante do vehículo que causou o alcance, que quedou atrapado na cabina. A ese punto acudiron, ademais dos bombeiros, Urxencias Sanitarias, axentes da Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da autovía, que xa nada puideron facer por salvar a vida do condutor.

Descoñécense por agora as causas do sinistro, aínda que fontes consultadas minimizaban en principio a opción do xeo que afectou onte a numerosas estradas da provincia, porque o tráfico constante tería reducido xa as placas que puido haber de madrugada e porque o alcance se produciu costa arriba e no mesmo carril. Non se descarta en cambio a posibilidade dun cegamento por mor da posición do Sol, moi baixa aínda a esa hora da mañá. A Garda Civil segue investigando.