As imbatibles tapas do Piolindo, en Carral

Pablo Portabales
pablo portabales A Coruña

CARRAL

CESAR QUIAN

Os irmáns Alberto e Antonio Fuentes rexentan o bar Piolindo de Carral, o único que gañou o concurso de tapas celebrado na localidade hai dous anos e que este outono volve convocarse

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Leva dous anos seguidos sendo a mellor tapa. Foi a máis votada polo xurado profesional e polo público. É a única gañadora do concurso Carral, con moito gusto, que organiza o concello. Só o bar Piolindo sabe o que é gañar o certame. Todo isto é certo, pero hai que ter en conta que esta iniciativa xurdiu no 2019, o ano pasado non se fixo pola pandemia, e agora volven recuperala para «promover o consumo no tecido hostaleiro», indican desde o concello. «Ímonos presentar, pero aínda non teño claro con que receita», comenta Alberto Fuentes Calvo, propietario do negocio xunto co seu irmán Antonio. É un bar humilde situado xusto á entrada de Carral, a man dereita vindo desde A Coruña. Sinxelo pero xeneroso. É deses que aínda quedan, afortunadamente, nos que sempre che poñen un petisco coa consumición. «E non o cobramos. Todo o mundo di que a tortilla sae moi rica», informa Alberto, que é o que se encarga da cociña mentres o seu irmán atende ao público. Pero non se crean que ao concurso presentan algo clásico. A imbatible tapa coa que gañaron na única edición celebrada ata o momento foi un solombo de crema de castañas e champiñóns que cativou a todos os que a probaron. Do 3 ao 6 de decembro celebrarase o segundo certame e xa está aberto o prazo de inscrición. Será capaz algún bar, mesón, restaurante ou cafetería de Carral de bater á tapa do Piolindo? Por certo, xa non falta nada para o concurso de tapas Picado, que será os primeiros días de novembro. O ano pasado a hostalería pechada, e agora todos dispostos a elaborar os mellores petiscos.