Florinda Duarte, concelleira de Carral: «Chegaron a dicirme que vender froita é rebaixarme»

Toni Silva CARRAL

CARRAL

CESAR DELGADO

Agora na oposición ten máis tempo para desempeñar o seu labor nas feiras da comarca

18 jul 2019 . Actualizado ás 11:02 h.

A vida de Florinda Duarte (Santa Comba, 1967) deu un xiro importante. Deixou o goberno local (así o dixeron as urnas o 26 de maio), e deixou o PP (pasouse ao grupo mixto). Liberdade absoluta. Seguirá en política porque é incapaz de desprenderse da atención aos demais tras unha inercia de 16 anos como concelleira e voluntaria de Protección Civil. Pero agora salientará o seu novo papel estreado en novembro pasado, cando se sacou o permiso de autónoma para atender os postos de comestibles nas feiras xunto á súa parella.

-Agardábase esta derrota electoral do PP en Carral?

-Agardábame que non iamos sacar maioría, pero non baixar tanto.

-Cambia a vida de golpe?

-Sigo de voluntaria da agrupación de Protección Civil, que a xente ha de saber que se traduce en 0 euros. Hai unha persoa que é contratada polo Concello, pero é o único que cobra, somos uns dez en total... pero algún aparece unha hora ao ano.

-Como resumiría estes 16 anos de tenente de alcalde?

-Foi unha etapa da miña vida moi gratificante onde tamén pasei momentos moi difíciles, evidentemente, que ti sabes [sen citalo, refírese ao tráxico Rali de Carral]. Pasei momentos moi enriquecedores, aprendín unha chea coa xente, aprendín a distinguir os verdadeiros problemas dos que non o son. E voume coa conciencia tranquila, de ter feito o que puiden e que traballei cobrando e sen cobrar. Durante tres anos estiven con dedicación exclusiva pero sen cobrar, só por asistencia a plenos. Ti decides traballar para o pobo. Sei que fixemos moitísimo traballo, cambiamos o Concello como da noite ao día.

-Valeu a pena? Os veciños recoñécenllo?

-Eu non tiña un horario de entrada e de saída, nin tiña un sábado nin un domingo. Eu estaba sempre a disposición dos veciños, tanto pola mañá como pola noite. Eu síntome satisfeita do que fixen, e sei que moita xente, dun partido ou outro, déronme a entender que valoraban o meu traballo.

-E empezou na venda ambulante.

-En agosto do ano pasado coñecín a unha persoa que cambiou un pouco a miña vida. Ten un posto de froitería co que fai mercados, noces, castañas e plantas segundo as tempadas. Eu empecei indo de paseo e acabas quedándoche detrás do posto. Así que me dei de alta en autónomos, para non complicarme a vida. Era concelleira de Comercio, debía dar exemplo.

-Agora toca viaxar.

-Pois xa estiven na Expo da Coruña os cinco días a finais do 2018. Agora nos próximos días teño Teixeiro, Sada, Arzúa... Pódoche contar unha cousa que me fai moita graza de todo isto?

-Por favor.

-Cando empecei a vender a xente dicíame «Pero ti como podes estar a vender se es a tenente de alcalde? Iso é rebaixarche». E eu replicáballes que vender nunha feira é tan honrado como o que está a traballar nunha oficina ou limpando escaleiras. Logo había quen me dicía «Así que sobresoldo», pois non, o que estou a facer é traballar e cotizar para que os pensionistas teñan unha pensión máis digna. A vida é iso, é traballar, nunha cousa ou outra, pero intentar saír adiante cos teus propios medios.