Un sacerdote sempre preocupado polos demais

Manuel Quintáns

CARRAL

cedida

Faleceu Santiago Sánchez Castro, expárroco de Carral

15 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nacido en Serradilla (Cáceres) o 29 de abril de 1939 foi o segundo de cinco irmáns. Desde a máis tenra infancia viviu en Ponteceso, primeiro en Carballido e posteriormente en Eleuterio de Tella, onde o seu pai exerceu como mestre. Con 13 anos, animado pola súa familia e por algúns seminaristas, ingresou no Seminario Menor de Santiago, ordenándose sacerdote o 4 de agosto de 1964.

Comezou a súa vida pastoral como coadjutor nas parroquias de San Martín do Porto e San Mamed de Larage, no arciprestazgo de Bezoucos, para tomar posesión en 1968 de San Félix e Santa Juliana de Monfero, así como outras parroquias limítrofes. En 1971 foi nomeado párroco de San Xoán de Pravio e San Julián de Cela, e encargado de San Cipriano de Bribes, parroquias que atendeu pastoralmente ata que en 1990 foi nomeado párroco de San Esteban de Paleo en Carral e San Pedro de Quembre. De 1992 a 1996 encargouse tamén de Santiago de Sumio e desde o 2013 foi administrador parroquial de Santa Eulalia de Cañás.

Foi profesor de Relixión no IES Menéndez Pidal na Coruña desde 1978, ata que en 1997 pasa ao IES David Buján de Cambre, onde se xubilou no 2004. Entre os talentos que Divos regaloulle estaba o ser un manitas no arranxo e a conservación de órganos de vento e fol. Tamén dedicou esforzos ao arranxo e a restauración dos templos polos que pasou para facelos lugares dignos e acolledores. En palabras do noso arcebispo Julián, Santiago «viviu o sacerdocio pondo oído ao corazón dos demais e dispoñibilidade ás esperanzas e ansiedades que vivían (...) Comprendeu a realidade que lle tocou vivir, e fíxoo con sinxeleza e bondade, con confianza en Deus pondo os seus talentos ao servizo do evanxeo e da Igrexa. Foi servidor fiel, bo pastor, comprensivo, próximo, sempre preocupado máis polos demais que en por si». Chegada a enfermidade, aceptouna como humanamente puido. Damos grazas a deus polo don deste bo sacerdote.