Cambre pide unha medida cautelar para suspender as obras da vía Ártabra

Elena Silveira
Elena Silveira CAMBRE / LA VOZ

CAMBRE

MARCOS MIGUEZ

Un informe ambiental confirma graves afeccións no humidal da Gándara

13 feb 2019 . Actualizado ás 08:18 h.

O Concello de Cambre presentou na sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha solicitude de medida cautelar para conseguir a suspensión parcial das obras de prolongación da vía Ártabra e que prevén conectar a N-VI coa AP-9. En concreto, esta medida solicítase para o tramo comprendido entre a ligazón co polígono industrial de Espírito Santo e a conexión coa AP-9. Xunto con esta solicitude, o gabinete xurídico que representa ao Concello de Cambre presentou un informe elaborado por un biólogo da Universidade da Coruña no que se confirma a afección negativa que tería esta estrada nunha zona de humidais situada na Gándara. 

Licitación dunha primeira fase

Este paso xurídico prodúcese despois de que o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o rexedor de Oleiros, Ángel García Seoane, mostrasen publicamente as súas discrepancias sobre un proxecto construtivo cuxo trazado xa foi aprobado de forma definitiva o pasado mes de xaneiro aínda que, polo momento, tan só se poderían avanzar as na primeira das súas fases, con 2,7 quilómetros de lonxitude. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ultima os trámites para sacar a licitación este mesmo mes as obras da primeira fase, entre a N-VI e a AC-221, xa que segue pendente da autorización do Ministerio de Fomento a continuidade desde a AC-221 ata a AP-9. O goberno local argumenta que as obras da primeira fase deben concluír no polígono de Espírito Santo xa que a súa continuidade ata a AC-221 sería abocar ao tráfico cara a unha estrada secundaria. Tamén lembran que Fomento aínda non se pronunciou sobre como se fará a última fase e o nó de ligazón coa AP-9, polo que expoñen agardar a ter a confirmación definitiva do Goberno central.

Mentres Oleiros apoia a proposta da Xunta, Cambre pon en dúbida a idoneidade do proxecto xa que, entre outras cuestións, argumenta que a tramitación administrativa non se fixo correctamente e expón que a ligazón ideal coa AP-9 estaría en Catro Camiños no canto de en A Gándara porque, entre outras cuestións, afectaría a unha zona de humidais protexida. Neste sentido, o informe diagnóstico remitido ao TSXG xunto á solicitude de medida cautelar considera que o estudo de impacto ambiental «non valora adecuadamente a potencial afección aos elementos catalogados como áreas de especial protección» (áreas húmidas) emprazadas entre o núcleo da Gándara e o tramo da autoestrada. O estudo abunda en que a implantación da vía Ártabra «afecta severamente ao bosque higrófilo desenvolto sobras as chairas aluviais. O humidal será destruído nunha superficie moi significativa, afectando por ocupación a hábitats de interese comunitaria e ás especies de anfibios protexidas pola lexislación, que potencialmente poden incluír algunhas das ameazadas presentes no territorio», indica este informe.