Cambre, en alerta por «Serramoura»

Elena Silveira
E. Silveira CAMBRE / LA VOZ

CAMBRE

MARCOS MIGUEZ

O pavillón Sofía Toro acolle a gravación de novos episodios da serie producida por Voz Audiovisual

28 ago 2018 . Actualizado ás 11:30 h.

Unha gran epidemia arrasa desde onte Cambre. No pavillón Sofía Toro habilitouse un hospital de campaña e os profesionais sanitarios non dan abasto para atender a toda a poboación afectada. Ambulancias, padiolas, máscaras, máquinas para realizar electrocardiogramas, ambulancias... e moitos enfermos conseguen recrear a alerta sanitaria coa que comezará a trama da serie de ficción Serramoura, producida por Voz Audiovisual, no seu décimo primeira tempada. 

«Non podemos desvelar moito, pero o arranque será espectacular», adiantan desde a produtora. Sen dúbida, o despregamento realizado estes días no pavillón deportivo Sofía Toro (coa axuda do Concello de Cambre e entidades deportivas do municipio) así o confirma: na rodaxe participan 70 persoas, entre equipo técnico, actores e figurantes, e o material empregado polo departamento de arte inclúe o máis mínimo detalle para dar credibilidade á grave situación en Serramoura . Mesmo se trasladaron ata Cambre varias ambulancias e un autobús de cor amarela que se adoitan utilizar en alertas sanitarias reais. «Pois non se verá moito, a verdade. Tan só a través dos plásticos que se colocaron na entrada ao pavillón para transformalo nun hospital de campaña», indican desde a produtora.

Aínda que aínda non hai data oficial, Serramoura posiblemente volverá á Televisión de Galicia no mes de outubro cos capítulos rodados xa para a décima tempada. «Si, si, isto que estamos a gravar é para a décimo primeira tempada», así que aínda hai moita trama que seguir antes de ver a Evaristo (interpretado por Antonio Mourelos), Marga (Lucía Regueiro), Roi (Xúlio Abonjo) e Santos (Monti Castiñeiras) facer fronte á epidemia. En realidade, as horas de traballo que o equipo de Serramoura dedicou onte e hoxe traduciranse en tan só vinte minutos de ficción: «Son dez páxinas de guion cada día, polo que posiblemente despois da montaxe quedarán en quince ou vinte minutos de emisión».

MARCOS MIGUEZ

Ese inmenso esforzo que supón a gravación dunha serie, tanto en tempo como en recursos, tamén o coñecen moi ben os figurantes. David e Xavi, mentres as cámaras enfilan a Antonio Mourelos, aseguran que son moitas horas, «pero pásascho moi ben, hai bo ambiente e pódese compaxinar con outra actividade».

De todos os xeitos, o mellor é «ver en directo as actuacións de grandes actores. Iso é fantástico. E vivir cousas que na tele non se aprecian», sinalan. «Eu levo dez anos facendo de figurante e, sen dúbida, por diñeiro non o fago. É unha pena que despois non se aprecie en pantalla todo o esforzo do equipo», explica David.