Betanzos limpa e elimina o verdín en espazos públicos

La Voz

BETANZOS

cb

O Concello acondicionará as fontes públicas

14 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Betanzos está desenvolvendo un plan de mantemento de espazos públicos que inclúe tanto a limpeza de prazas e rúas como o tratamento de pavimento afectado por verdín, que provocou esvaróns en tramos onde apenas lle dá o so. O concelleiro de Infraestruturas, Diego Fernández, avanza que xa se actuou na urbanización da Condesa na que levaron a cabo traballos de limpeza e mellora de pavimento, e pintado de mobiliario urbano, tantos bancos como papeleiras e varandas. «Realizouse unha actuación integral que agora continuará noutros barrios de Betanzos», avanzou.

Ademais da Condesa e a zona das Cascas, realizáronse melloras no parque da rúa Xudeos, na rúa Salvador Cabeza de León ou a praza Amador Cortés e doutor Fariña, lugares nos que tamén foi necesario «limpar o pavimento, neste caso as beirarrúas cun tratamento antiescorregadizo». Fernández apuntou que tamén se realizaron tarefas similares nas rúas do centro histórico con tratamento antiverdín nunha «zona en que a que polas pedras e a humidade durante os meses de inverno é necesario acometer este tipo de traballos varias veces».

Vertedoiros incontrolados

Outra das actuacións centrouse na limpeza de puntos de vertedoiros incontrolados en varios lugares do municipio coa advertencia de que por parte da Policía Local aplicaranse «as normativas sancionadoras en vigor se se identifican aos responsables deste tipo de actos, máis cando existe no municipio un punto limpo para depositar este tipo de desfeitos».

Diego Fernández anunciou, ademais, que dentro do mesmo plan limparanse fontes públicas, algo que xa comezou coa dos Anxos na que «cada dúas por tres aparecen restos de lixo como consecuencia de actos incívicos que supoñen un importante custo ás arcas públicas».