A Deputación investirá máis de 2 millóns en 32 quilómetros de ruta ciclista por Cecebre

La Voz A Coruña

BETANZOS

atr

Levará a pleno o proxecto de tres senllas que pasarán por Betanzos, Abegondo, Bergondo, Cambre e Carral

25 mares 2021 . Actualizado ás 15:07 h.

A Deputación da Coruña amplía a Rede Ciclista Metropolitana cunha nova senda peonil que percorrerá a contorna do encoro de Cecebre, ata a conexión co municipio de Carral . Trátase de 32 novos quilómetros de ruta que discorrerá polos concellos de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral, «constituindo unha alternativa perfecta para coller a bicicleta ou pasear». Deste xeito, o pleno desta semana aprobará os convenios segundo os cales se encomenda á Deputación das obras nos municipios implicados. O proxecto suporá un investimento de 2,1 millóns de euros, dos que o 80 % parten de fondos europeos. «A Deputación está a realizar unha importante aposta por promover un novo modelo de mobilidade sostible na nosa provincia, no que o uso da bicicleta como medio de transporte adquire un gran protagonismo», indicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso

Esta nova senda ciclista contará con tres tramos diferenciados, o primeiro deles transcorrerá polos municipios de Abegondo, Betanzos e Carral, cun orzamento de 810.000 euros. Outros dous atravesarán Abegondo e Carral, con 785.000 e 554.000 euros respectivamente. O novo carril bici discorrerá principalmente polo territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como basee estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. A ruta, dividida en tres tramos, rodeará o encoro de Cecebre, cun ramal cara a Guísamo e outro a Carral a través do val do Barcés, discorrendo por núcleos como Sarandóns, lugares como o pazo de Macenda ou o observatorio de aves de Crendes.