Achan un relevo policromado do século XV tras un retablo na igrexa de Santa María en Betanzos

Dolores Vázquez BETANZOS

CULTURA

CESAR DELGADO

Un traballo previo a unha restauración permitiu descubrir oculta unha peza que ornamentaba unha sepultura que desapareceu

28 ene 2020 . Actualizado ás 20:13 h.

A principios do século XX ocultouse tras un retablo un relevo policromado dunha anunciación, que decoraba o que se presupón unha tumba de alguén importante, nun dos laterais da igrexa de Santa María do Azougue de Betanzos . Non había documentación escrita desta obra e foi descuberta fai un mes cando se iniciou o traballo de restauración do retablo.Santa María do Azougue é unha das «xoias» do gótico galego, tal como recoñeceu o párroco, Santiago Pérez, que explicou que o achado se debe a un proxecto de restauración do retablo de San Pedro ao entender que deslucía o conxunto.

Os especialistas de Techne SC descubriron un arcosolio (termo arqueolóxico que describe un oco en arco que se utilizaba como lugar de enterramento) cunha Anunciación onde posiblemente houbese un sepulcro, que desapareceu. «Alguén dixo que en Galicia é o lugar que máis Anunciaciones temos nos templos», recoñeceu o sacerdote que considerou que é un descubrimento emocionante porque está sen catalogar.

CESAR DELGADO

A restauradora Milagros Martínez indicou que o relevo apareceu durante a realización do proxecto sobre o estado de conservación do retablo barroco, realizado en 1744 por José Ibarra. Precisou que comezaran en decembro, con estadas, a estudar as patoloxías que tiña unha obra que orixinalmente estaba situada xunto ao altar maior e que sufriu varias intervencións. «A sorpresa vén porque no desenvolvemento do estudo ao mirar a traseira para saber como se atopaba estruturalmente, porque tiña térmite, ao quitar os laterais apareceu un arcosolio. Non está nin estudado nin catalogado e é importante porque forma parte do que sería o nicho de enterramento, posiblemente do século XV», relatou esta especialista que apuntou que «como non está estudado todo son hipótese, pero probablemente a iconografía da anunciación ten un paralelismo moi claro cunhas que aparecen en San Francisco (un templo próximo tamén en Betanzos)».

CESAR DELGADO

«Non se atopa o sarcófago, posiblemente estea perdido, aínda que podería ser algún dos que se atopa no Museo das Mariñas«, apostilou indicando que o que atoparon foi un arco ojival de estilo gótico, de follas de cravos e decoración xeométricas de circulitos no que na parte baixa aparece o arcanxo San Gabriel e a Virxe, e na zona de arriba, pintura mural. Explicou que o que se salvou da tendencia actual de pedra á vista evitou que teña perdido a policromía, «pero este como ten numerosas capas de encalado parece que nas catas si aparecen restos de policromía», afirmou.

«A igrexa iníciase na cabeza e despois as naves, hai dúas hipóteses, neste típo de enterramento fanse unha vez rematada a igrexa por encargo de alguén importante, que decide enterrarse e construílo, ou cabe a posibilidade de que cando se constrúa a igrexa alguén o encargue, como é o caso da igrexa de San Francisco onde os arcosoleos constrúense on un plan previo», informou a restauradora ao mesmo tempo que indicou que a singularidade do descubrimento é que é un «arcosolio nunha igrexa que é ben de interese cultural, que non está estudado e que forma parte dun taller que houbo en Betanzos de talla que foi moi importante do gótico e, ademais, que teña aínda a policromía, en San Francisco están todos, pero están a pedra, e aquí poida que atopamos a pintura orixinal gótica». 

O retablo non foi concibido para a súa localización actual, polo que a restauradora indica que o que se expoñen agora é conservar as dúas obras, o arcosolio coa pintura mural e recolocar o retablo, para que ambos se poidan apreciar.

Os traballos poderían realizarse en sete meses se se realizan a recuperación en paralelo, cun custo duns 90.000 euros.

O sacerdote indicou que agora están á espera da autorización por parte do Obispado, ao que se lle propuxo recolocar o retablo onde está agora o Nazareno, unha imaxe dos anos sesenta, a máis recente coa de Fátima do templo.

Pola súa banda, a alcaldesa, María Barral, que participou na presentación deste achado recoñeceu que é unha noticia fantástica «que vén a engrandecer o patrimonio gótico do que xa gozabamos e para nós foi unha sorpresa marabillosa». «Agardamos que no prazo máis breve posible estea á vista de todos os betanceiros e betanceiras e dos miles de turistas que nos visitan, e poder gozar desta xoia dentro doutra xoia como é o Santa María do Azogue», comentou.