A tortilla de casa Miranda leva o seu quinto ouro en Betanzos

Eduardo Eiroa Millares
E. Eiroa BETANZOS / LA VOZ

BETANZOS

CESAR DELGADO

O local volvía competir tras tres anos ausente dunha proba cuxo xurado presidía Luis Veira

15 oct 2019 . Actualizado ás 11:37 h.

O do concurso anual da mellor tortilla de Betanzos ten aromas de campionato do mundo. E de tortilla, claro. Os cinco finalistas víronse as caras, cada un coa súa preparación, fronte a un esixente xurado presidido polo soado e laureado cociñeiro Luis Veira.

Tras ter deixado no camiño a unha quincena de competidores, Casa Miranda, Sinuessa, O Progreso, A Escondida e A Tixola puxeron as cartas —ou mellor, as tortillas— sobre a mesa nunha proba moi rifada na que competían primeiros espadas da famosa receita.

Gañou Casa Miranda, que agranda a súa lenda vinculada ao ovo e a pataca. Pepa Miranda levou o ouro tras tres anos sen participar no certame. Foi volver e tocar a gloria, a mesma que xa lograra ante noutras catro ocasiones, pois seu foi ese recoñecemento nos anos 2011, 2013, 2014 e 2015.

E cal é o segredo? «Boa pataca, bos ovos, bo aceite e bo punto de sal», confesa a propia Pepa Miranda, que ademais aclara que no seu local as freidoras non existen para as tortillas e que estas se fan integramente en tixola. Conta Miranda que en cada edición do concurso ponse especialmente nerviosa, pero que con catro galardoes quería un máis: «Este ano decidín ir pola man», apunta. Os nervios non serán por falta de experiencia, porque nun día bo no seu local despáchanse, conta a ollo, unhas 40 tortillas. Máis aló dos ingredientes, seguro que as miles que leva feitas tamén achegan o seu ao brillante resultado final.

Non o tivo doado porque entre os cinco contendentes había tres que foran previamente laureados. Sinuessa levaba dous anos levándose o ouro. Súas foron as dúas últimas edicións, e o mesón O Progreso tamén coñecía ese metal, que lograra no 2016.

Eliximos a mellor tortilla de Betanzos, dixo Luis Veira, que de cociña, coas súas estrelas Michelin, sabe un intre. Hainas máis e menos perfectas e ademais, é certo, a cada un gústalle a que lle gusta. Falta por coñecerse, iso si, o premio popular ao clásico betanceiro. Ese non o dá un xurado, senón os clientes que deixan o seu voto nas urnas situadas nos establecementos participantes. Haberá que estar atentos ao reconto das papeletas.