Unha nova vida para o lavadoiro

BETANZOS

CESAR DELGADO

O Concello anuncia novas obras para o interior do mítico inmoble creado polos García Naveira. Será a cuarta fase de obras dos últimos anos e permitirán a completa recuperación deste espazo emblemático

19 abr 2019 . Actualizado ás 17:01 h.

Moitos betanceiros confesan que o lavadoiro das Cascas aínda segue en activo, ou polo menos afirman ver roupa tendida ao lado dun edificio que se inaugurou o 17 de agosto do ano 1902. 

A construción, situada aos pés do río Mendo, foi custeada polos irmáns García Naveira, artífices do famoso parque do Pasatempo e promotores doutras moitas iniciativas na localidade. Agora, máis de cen anos despois e tras diversas actuacións no inmoble, o Concello brigantino anuncia que acometerá novas obras de restauración no seu interior.

O goberno local indica que o lavadoiro está incluído dentro dun novo paquete de medidas que acaban de sacar a contratación e que perseguen o obxectivo de mellorar diferentes edificios municipais.

En concreto, as obras centraranse no interior, onde se acondicionarán os espazos internos, xa que segundo explican fontes municipais «os paramentos na planta baixa presentan deterioracións nalgúns puntos, limos, salitre e graffitis». Desta forma, o executivo local propón o seu saneamento integral «con todos os medios necesarios ata obter un soporte consolidado e sen restos de pintura». 

Protección do río

As actuacións que se contemplan son de restauración e mantemento de revestimentos para favorecer a conservación do espazo. «Non afectan nin a estrutura nin á configuración do edificio. As obras a realizar vanse levar a cabo no interior do espazo do lavadoiro polo que non se prevé afectar con ningún tipo de vertedura ao río», aclaran desde a concellaría de Obras.

Así mesmo, desde o Concello matizan que os materiais que se van utilizar son cal natural e pintura ao silicato, que son produtos libres de químicos, para evitar calquera tipo de contaminación ao Mandeo. «Tomaranse as precaucións necesarias para que ningún refugallo da obra vaia parar á canle fluvial», destacan fontes municipais.

Esta nova medida súmase ás xa realizadas no emblemático edificio que foi construído segundo o proxecto do enxeñeiro Estanislao Pan e Pérez. En anteriores ocasións as tarefas centráronse na reparación da súa cuberta, o acondicionamento, limpeza e pintado das fachadas exteriores; a restauración da estrutura de madeira do primeiro piso, o arranxo do muro do espazo e da estrutura da escaleira. Para garantir a estabilidade estrutural do inmoble e a seguridade do seu uso substituíuse o pavimento de madeira da escaleira interior e reparáronse as varandas. 

Esplendor orixinal

Desde o Concello de Betanzos sinalan que aínda queda traballo para lograr que o lavadoiro recupere o seu esplendor orixinal e apuntan que para lograr ese obxectivo sería necesario elaborar un proxecto máis completo «ou propostas sucesivas de intervención».

Neste sentido, fontes municipais apuntan a que habería que restaurar os peches da planta superior que se atopan deteriorados, «tanto os que se manteñen do seu deseño orixinal de celosía de lamas metálicas como os transformados con ladrillo». 

Para 47 usuarios á vez

O lavadoiro público das Cascas destaca por ser un edificio singular construído cunha concepción de inmoble nobre para albergar un uso cotián e dar servizo aos veciños. Así mesmo trátase dun espazo único nas súas dimensións con capacidade para ser utilizada por 47 persoas á vez, aínda que era noutros tempos cando se cubría toda a capacidade. Sin duda, unha xoia da arquitectura betanceira que merece ser visitada.