Belén Blanco : «Estamos dentro dos 25 quilómetros de radio»

La Voz A Coruña

BETANZOS

Daniel Pérez vai de luns a venres por estrada desde Pontedeume ata A Coruña e recoñece que «pola mañá se fai moi pesada a estrada»

20 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Belén Blanco traballa no Banco Santander e hai ano e medio foi trasladada desde A Coruña, onde continúa residindo, a Betanzos e os días laborais é usuaria fixa da autoestrada AP-9. «Cólloa para ir ao traballo porque 5 minutos ás 8 da mañá é moito, pero volvo pola autovía e a terceira rolda, son 10 quilómetros exactos de máis», explica e, talvez pola súa profesión, fai un cálculo rápido do custo da peaxe e di que «supón moito». «Estamos dentro dos 25 quilómetros de radio», comenta, recoñecendo que entende que a autoestrada é un negocio, pero estima que a proximidade de Betanzos á Coruña debería propiciar que se eliminase a peaxe nese tramo. «Estaría encantada», admite.

Daniel Pérez: «Pola mañá faise moi pesada a estrada» 

JOSE PARDO

Mentres bota aire aos pneumáticos do seu vehículo, na gasolineira de Pontedeume, Daniel Pérez (35 anos) detalla que vai de luns a venres por estrada desde a vila, onde vive, ata A Coruña. «A autoestrada é un roubo. Desde aquí teño que pagar máis de 7 euros se fago ida e volta, por iso sempre intento evitar a autoestrada», di. Leva máis de oito anos indo á urbe herculina e por iso «cada subida» repercutiu na súa carteira. «Ás veces, para aproveitar as horas libres, non queda outra que usala», menciona, e agrega que «pola mañá e ao mediodía, faise moi pesada a estrada, porque hai moito camión; pola noite é cando mellor se vai». «Podían restar o tramo de Ferrol a Pontedeume», considera.