Un atractivo para o Camiño

P. García

BETANZOS

cedida

A Reitoral de Cines, en Oza-Cesuras, recibe a peregrinos que fan o tramo da ruta inglesa entre Betanzos e Bruma

14 novs 2018 . Actualizado ás 14:01 h.

As vodas de conto colocárona no radar de Instagram , pero a Reitoral de Cines, un antigo mosteiro reformado en Oza dos Ríos, é máis que un lugar de celebracións: forma parte dos aloxamentos rurais con encanto da comarca

Situado ao lado dunha igrexa do século XII, este espazo resulta especialmente atractivo para un público: os peregrinos que realizan o Camiño Inglés e que buscan un lugar onde descansar no tramo que vai de Betanzos ao hospital de Bruma. «Son un do noso perfil de clientes máis importante. Temos un sistema de recollida que nos permite ir buscalos a un punto do camiño. Despois dámoslle a cea e o almorzo e ao día seguinte levámolos de novo ao mesmo punto para que poidan seguir o traxecto», explica María Ferreiro, a xerente da Reitoral. 

Viaxeiros

Entre os clientes da Reitoral hai moitos viaxeiros alemáns, ingleses, americanos e italianos. «Intentas que estean como na súa casa», conta María. «A xente que vén coméntanos que queda moi sorprendida do que se atopan en Galicia. Do bonito que é, da comida e dos viños», apunta. Levan xa uns anos captando aos turistas que fan o Camiño e asegura que o número de viaxeiros foise incrementando neste tempo. «Desde que empezamos a ofrecer este servizo a demanda aumentou. Así que agardamos que o ritmo siga crecendo tamén no 2019». 

Cambio de estación

Na Reitoral están en pleno cambio de estación: finaliza a tempada de vodas e comeza a campaña de inverno. «Agora comezamos coas xornadas no restaurante», explica María. Ademais dos peregrinos, que, segundo María, empezarán a chegar sobre todo a partir de febreiro, o outono na comarca é o momento das escapadas en parella. Alí agárdanlles uns cuartos que se foron remodelando para adaptarse ao paso do tempo.