A empresa Miramar Cruises gaña o Premio Peme do Ano da Coruña

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

BERGONDO

SANDRA ALONSO

As Cámaras e o Banco Santander galardoan tamén a Mecanizados Acebrón, Cofrico e Gairesa

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Naceron no 2012 nun viveiro de empresas nas beiras lucenses do Miño e consolidáronse na Coruña como unha puxante comercializadora en liña de cruceiros turísticos. No seu curto pero exitoso historial consta a venda de máis de 30.000 cruceiros, con crecementos anuais de facturación de dous díxitos. E non pairan. Xa é unha das empresas líderes no seu sector en España, introducíronse en Francia, Bélxica, Suíza e Latinoamérica, e agora analizan os mercados de Portugal e Reino Unido para continuar a súa expansión. Miramar Cruises S.L. é a gañadora do Premio Peme do Ano A Coruña 2018, que organizan as Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago e o Banco Santander, en colaboración con La Voz de Galicia.

Nesta segunda edición, o premio que recoñece ás pequenas e medianas empresas como as grandes protagonistas do tecido produtivo sumou tres accésits, que corresponderon a Gairesa S.A., con sede en Fene, na modalidade de internacionalización; a Mecanizados Acebrón S.L., das Pontes, na de dixitalización e innovación; e a Cofrico S.L., de Bergondo, na de formación e emprego. Os premios foron entregados onte na Cámara de Comercio de Santiago, nun acto no que se puxeron de manifesto os méritos das empresas da provincia que presentaron as súas candidaturas ao certame. «Todos debemos saber adaptarnos ao cambio permanente. E como? Con rigor, compromiso, flexibilidade e estando atentos á contorna», dixo o presidente da Cámara compostelá, José Sierra , ao pór en valor o traballo dos galardoados en convocatorias como a do Premio Peme, «moi estimulantes, porque se dirixen a moitos, aínda que soamente uns poucos sexan os distinguidos».

En representación da Deputación da Coruña, o deputado responsable de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, destacou a aposta do organismo provincial polo emprego estable e de calidade, e citou o exemplo de Miramar Cruises como unha das beneficiarias do Plan Pemes da Deputación que dá apoio ao tecido empresarial.

Motor económico

Gonzalo Ortiz, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, incidiu no peso das pemes, o 96 % das empresas españolas, e sinalou a Inditex, desde o seu modesto nacemento, como un exemplo a seguir. Charo García, directora territorial de Galicia do Banco Santander, subliñou a implicación da corporación financeira na economía de Galicia; e Beatriz Martín, directiva de Cámara de España, citou a innovación e a internacionalización das pemes como obxectivos nos que está comprometida a rede cameral española. Pechou a quenda de intervencións o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, quen se referiu á omnipresencia das pemes na vida de Galicia e fixo un xogo de palabras cos retos da internacionalización, formación e innovación, ás que engadiu unha máis: a de colaboración «con corazón».

Piden apoio das institucións ao fomento da innovación

Tras recibir o premio de mans de José Luis García, o xerente de Miramar Cruises, Hugo Iglesias , lembrou que fai seis anos «chamáronme tolo por vender cruceiros desde Galicia», e hoxe a súa empresa é un negocio «innovador, demandado e con proxección de futuro». Iglesias augurou un futuro alentador para os cruceiros turísticos en España porque hai moita marxe de crecemento. Respecto dos portos galegos como escala de cruceiros, en especial A Coruña e Vigo, destacou o seu potencial, tendo en conta ademais que a demanda de novas rutas beneficiará aos destinos atlánticos. Miramar Cruises anunciou o seu obxectivo de comercializar este ano a través da súa web toda a oferta mundial de cruceiros, uns 8.000.

En nome de Mecanizados Acebrón, Rebeca Acebrón destacou a aposta da súa empresa pola industria 4.0 e pediu o apoio das institucións á innovación das pemes. Montserrat Campos, de Cofrico, aludiu ao investimento en formación para un traballo de calidade. E de calidade, así como de investimento en I+D+i, falou tamén Roi Meizoso, de Gairesa, como claves para abrir mercados internacionais.