Carral sitúase a menos de 100 puntos de incidencia de entrar no nivel máis duro de restricións

A. G. CH. A Coruña

ARTEIXO

Anxo Manso

A taxa tamén sobe en Miño e, en menor medida, Arteixo e A Coruña

28 feb 2021 . Actualizado ás 11:55 h.

A taxa de incidencia acumulada (IA) por covid-19 este domingo reflicte unha subida nos municipios de Carral e Miño, con 402 e 319 puntos de IA respectivamente. Ademais, o municipio de Arteixo tamén rexistra unha lixeira subida por segundo día despois de 26 xornadas de descenso. Con 91 casos activos acumulados nas últimas dúas semanas sitúase este domingo cunha IA de 283, nove máis que a xornada anterior. A pesar de estar tamén por amais do risco extremo de propagación (máis de 250 puntos de IA), a localidade atópase no segundo nivel establecido polo Executivo autonómico. 

Nesta franxa intermedia tamén se inclúe A Coruña, cunha taxa de IA de 296 (un punto máis que a xornada anterior). En risco alto e medio están Oleiros (183 puntos de IA), Culleredo (169), Cambre (106) e Sada (179). No entanto, en canto a restricións, estes concellos manteñen as mesmas que a cidade herculina e Arteixo: terrazas abertas ata as 18.00 horas cunha capacidade do 50 %, mobilidade entre municipios da área sanitaria menos os que se inclúen no primeiro nivel (Curtis, Corcubión e Ponteceso), e reunións entre non convivientes de ata catro persoas.

En peor situación atópase Aranga. Este domingo, mantense como o único municipio da comarca coruñesa por amais dos 500 de IA, o limiar designado pola Xunta para aplicar as medidas máis duras. Con só 11 contagios acumulados en 14 días, a súa incidencia acumulada sitúase en case 600 puntos. O comité clínico, que se reúne o martes, podería optar por incluílo en nivel 1. No caso de Curtis (con 345 puntos de IA) podería ocorrer o contrario e optar ao segundo nivel.