Os motores roxen en Morás

c. alonso

ARTEIXO

Autocrós Arteixo

Máis de cento trinta pilotos correrán esta fin de semana o Autocrós Arteixo, a sexta proba do Campionato de España

17 ago 2019 . Actualizado ás 10:20 h.

A catedral do motor reúne esta fin de semana a máis de 130 pilotos que cos seus vehículos disputarán a vigesimocuarta edición do Autocrós Arteixo, sexta proba do Campionato de España, que empezou onte cos adestramentos libres no circuíto de Morás , o José Ramón Losada.

Preto de noventa pilotos rodaron ao longo de este venres para pór a punto as mecánicas dos seus vehículos coa mente posta na xornada do sábado, cando se disputarán dúas das tres mangas clasificatorias desde as 12 horas.

O domingo, desde as 9, dará comezo a terceira e última oportunidade de optar a unha praza nas desexadas finais, que serán a partir das 11 horas.

O Campionato de España chega a Arteixo un mes despois do Autocrós Carballo cos seguintes participantes por categorías: División I (13), División II (28), Carcrós Promoción (15), Carcrós (57), División III (12) e Carcrós Júnior (11).

En División I, Perfecto Calviño chega líder con Tito Rodríguez pisándolle os talóns a tan só cinco puntos despois de alzarse coa vitoria no circuíto de Carballo. Víctor Álvarez é terceiro a 23 puntos da cabeza.

Cristian Escribano lidera en solitario en División II con 120 puntos, con Josep Vidal e Joan Salichis moi lonxe do zamorano, con 74 e 73 puntos. O larachés Gabriel Serrano, que se impuxo na proba de Bergantiños, ocupa a sexta posición.

Pablo Fernández impuxo un ritmo frenético en Carballo a bordo da súa Fórmula TT en División III, pero Carlos Hernando segue sendo o indiscutible rei da categoría con 111 puntos e a máis de 50 dos seus perseguidores.

Interesante será a carreira de Carcrós , cos cinco primeiros clasificados cunha diferenza de pouco máis de dez puntos entre o primeiro, Juan José Moll ?que lidera con 72? e Iván Ares, quinto con 59. O de Cambre vén de imporse na anterior proba do Campionato e o carballés, Javier Ramilo, segundo na xeral, quedou terceiro.

En Promoción Carcrós, Yacar Racing lidera a clasificación, con Daniel Remuiñán á cabeza, e Diego Varela e Diego Pandelo, segundo e terceiro. Pandelo foi campión en Carballo por diante do larachés Remuiñán.

Pilotos de 13 a 18 anos son os protagonistas da carreira de Carcrós Júnior. Antonio Herrerías lidera a competición con 117 puntos con Sergi Pérez, gañador en Carballo, segundo con 89.