O condutor implicado nun atropelo mortal en Arteixo deu positivo en alcol

La Voz ARTEIXO

ARTEIXO

Google Maps

A vítima, de 84 anos, cruzaba á altura do número 58 da avenida de Pastoriza a poucos metros dun paso de peóns

17 feb 2019 . Actualizado ás 14:29 h.

Pouco despois da dez e media da noite deste sábado falecía un home de 84 anos de idade, que responde ás iniciais M. R. V. e era veciño da zona, tras ser atropelado por un motorista, que deu positivo en alcol, á altura do número 58 da avenida de Pastoriza.

O condutor impútanselle dous delitos: homicidio por imprudencia e contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos de alcol.

Ao parecer, no momento no que foi arroiado por un motorista, o home atopábase cruzando pola vía por un lugar indebido, a escasos corenta metros dun paso de peóns e sen ningunha peza reflectora, a pesar de que a esa hora a visibilidade era reducida.

O condutor da motocicleta, un vehículo tipo Scooter de mediana cilindrada, perdeu o control do vehículo tras o impacto e tamén acabou caendo ao chan. 

Ata o lugar do accidente desprazáronse dúas ambulancias do 061, unha básica e unha uvi móbil, pero a pesar dos labores de reanimación levadas a cabo polos sanitarios non puideron facer nada por salvar a vida do octoxenario.

O condutor da moto tamén tivo que ser atendido no lugar do accidente, xa que tras o impacto perdeu a consciencia. Unha vez reanimado foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) con feridas de diversa consideración. Ao peche desta edición descoñecíase a gravidade das feridas.

Ata o lugar desprazáronse, ademais dos efectivos sanitarios do 061, a Policía Local da localidade, o servizo de urxencias municipal, membros de Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico, que se fixo cargo do atestado e a investigación para esclarecer as causas do mortal accidente.