Cristina López, candidata do BNG por Abegondo

D. Vázquez ABEGONDO

ABEGONDO

cedida

Critica a xestión realizada polo PP e asegura que o Concello necesita un cambio de modelo

16 feb 2019 . Actualizado ás 17:21 h.

CristinaLópez , veciña de Betanzos que traballa desde fai seis anos como conserxe no instituto de Viós, será a candidata do BNG en Abegondo ás próximas municipais. «Presentámonos con toda a ilusión de recuperar a representación na corporación municipal e poder así ser útiles á veciñanza de Abegondo propoñendo solucións e ideas para mellorar o noso concello», indicou. A candidata considera que é necesario un cambio de modelo no Concello, lanzou duras críticas contra a xestión do PP, que estima ten «Abegondo paralizado».

«Temos un modelo de concello que está comprobado alí onde gobernamos que funciona e sabemos que é o cambio que Abegondo precisa para deixar de ser o concello do desastre urbanístico, o que leva xa anulados dous plans xerais, e pasar a ser coñecido polos nosos valores naturais e patrimoniais. Abegondo é un concello con moitas posibilidades é non podemos permitirnos perder poboación todos os anos», considerou.

A candidata nacionalista invita os veciños a unirse ao seu grupo de traballo «que con ilusión e propostas concretas propón un cambio real para o noso Concello, porque no BNG somos antítese da política actual no concello movida por intereses e rencores persoais. Porque precisamos un goberno local transparente que deixe de utilizar os cartos públicos en función dos seus intereses electorais e que goberne para todos os veciños e veciñas non só para os que os votan comprometémonos a traballar con seriedade e responsabilidade con ideas claras para conseguir o cambio político que Abegondo precisa».