Sarandós converterá a antiga pista de baile nun centro de usos múltiples

d. v. ABEGONDO / LA VOZ

ABEGONDO

O Concello de Abegondo adquiriu o local e os veciños decidiron a súa función

01 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os veciños de Sarandós terán un novo espazo de servizos múltiples. Ese é o uso que decidiron para a antiga pista de baile, que foi adquirida polo Concello de Abegondo para recuperala para uso veciñal.

O alcalde, José Antonio Santiso, acompañado do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Gustavo Quindimil, acaba de manter un encontro con veciños da parroquia, unha das máis grandes de Abegondo, para analizar os usos que se lle podería dar a este espazo, cunha superficie aproximada de 400 metros cadrados. A opción elixida implica acondicionalo para que quede convertido nun espazo diáfano, de tal forma que poida acoller distintas actividades, e dotalo de tres aseos: un masculino, outro feminino e outro para persoas con mobilidade reducida.

A proposta contempla amoblalo con mesas e cadeiras para que os veciños poidan sentarse a ler ou xogar a partida. Así mesmo, está previsto que conte cun pequeno palco para organizar festexos, «lembrando ese pasado musical», puntualizan desde o Concello. Tamén se contempla que se celebren alí as actividades físicas, como o ioga, con gran tirón popular.

Os veciños achegaron suxestións, que se prevén atender, nunha reunión na que participou o arquitecto municipal. Entre elas está engadir unha zona de fregadero, útil para a celebración de festas, e reservar espazo para un proxector. Nunha primeira fase e para a que se logrou financiamento de Agader, o Concello acometerá a mellora do tellado e a reparación xeral do inmoble. Posteriormente, crearase o espazo de usos múltiples, para o que o Concello buscará a colaboración doutras Administracións.

O alcalde sinala que a creación de centro para os veciños «é unha prioridade» en Sarandós polas limitacións que ten o actual, que previsiblemente quedará como almacén. Santiso sostén que «este tipo de locais son fundamentais nas parroquias para xerar puntos de encontro e programar novas actividades».