O mozo que derrubou a estatua da fonte do Desexo continúa grave na uci do Chuac, na Coruña
A CORUÑA
Tivo que ser intervido cirurxicamente polos danos que presentaba nun dos seus pés
01 dic 2025 . Actualizado á 23:12 h.O mozo que durante a madrugada do sábado ao domingo sufriu un accidente na praza de Azcárraga da Coruña tras empolicarse e ceder a estatua que coroa a fonte do Desexo continúa ingresado na uci do Chuac estable, pero con prognóstico grave. O rapaz, de 25 anos, chegou ao hospital de madrugada cun traumatismo cranioencefálico e múltiples contusións. A peor parte levouna un dos pés, que presenta importantes danos, polos que tivo que ser intervido cirurxicamente durante varias horas para a súa reconstrución.
O ferido atopábase de festa xunto con outros amigos na praza de Azcárraga da Cidade Vella cando tivo lugar o suceso. De feito, a Policía Local chegou a denunciar ao grupo por beber na vía pública e tamén levantou outra acta de sanción contra outra persoa por faltar ao respecto aos axentes.
Tras esta intervención da Policía Local, o grupo continuou na praza de Azcárraga e foi pouco antes da unha da madrugada cando se recibiu o aviso do accidente. Ao parecer, o mozo, de grande envergadura, agarrouse á estatua que coroa a fonte do Deseo, provocando que cedese pola base e que ambos caesen ao chan. O mozo forma parte do persoal do Club Deportivo Marte que compite en Primeira Futgal. A raíz do suceso, o equipo suspendeu en encontro previsto para o domingo ás 12.30 horas nos campos da Torre ante o Orillamar.
O Concello da Coruña confirmou este luns pola mañá que a estatua presenta «danos leves» como consecuencia do impacto contra o firme e que xa se está traballando na súa restauración para tratar de recolocala canto antes na fonte. Un técnico do Concello estivo á primeira hora do día alí para cortar a corrente eléctrica que daba luz ao facho que a figura suxeitaba no alto na súa man dereita. Ademais, desde María Pita avanzaron tamén que reclamarán ao mozo os danos causados e a restauración do monumento, un ben catalogado e protexido.
A fonte do Desexo é un monumento que data de 1870. Con todo, non foi ata 1876 cando a estrutura se colocou no centro do que por entón se coñecía como a praza da Fariña, rebautizada despois como Azcárraga. Dispón de catro caños e abastecía na súa época aos veciños da zona, onde había tamén un acuartelamento militar, así como un hospital e unha prisión. A fonte está coroada por unha escultura de muller tallada en bronce —a que cedeu o domingo de madrugada— que representa o desexo. A fonte foi fundida nos talleres Dungem de París.