As entradas para a tempada lírica 2022 de Amigos da Ópera da Coruña saen á venda o próximo 6 de xullo

La Voz A Coruña

A Coruña

Imagen de archivo del último concierto de la temporada lírica en octubre del 2020
Imaxe de arquivo do último concerto da tempada lírica en outubro do 2020 CESAR QUIAN

Con esta tempada celebrarase o LXX aniversario da Asociación coruñesa

04 jul 2022 . Actualizado ás 13:56 h.

A Asociación Amigos da Ópera anuncia a venda de entradas para a súa nova tempada lírica. Os días establecidos para que os socios compren os seus abonos son desde o mércores 6 ata o mércores 13 de xullo, e poderán facelo nas oficinas do Teatro Colón de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Os tres primeiros días, 6, 7 e 8 de xullo están destinados a vender os abonos de socio con butaca asignada. O luns 11, os socios poderán comprar os abonos con butacas non asignadas. Ao día seguinte, día 12, habilitarase a venda das entradas soltas para abonados, que contarán cun 20 % de desconto. Para rematar, o mércores 13, facilitarase a retirada das butacas dos seus acompañantes. 

Para o público xeral a venda de entradas non dará comezo ata o día 20 de xullo, que se realizará a través da páxina oficial de ataquilla e na Praza de Ourense de luns a venres de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. 

As entradas terán un custo que variará entre os 12 e os 90 euros, dependendo do evento e do centro cultural: Teatro Colón, Teatro Rosalía de Castro e Ágora. Existen tamén programacións de carácter gratuíto que terán lugar nos centros cívicos e Afundación, para os que se aceptarán espectadores ata encher a capacidade.  

Tempada 2022

A 70 edición ten un repertorio completo e variado no que se inclúen óperas, concertos e recitais. O inicio do ciclo está programado para  o 1 de setembro co concerto da soprano armenio-lituana, Asmik Gigorian, no Teatro Rosalía de Castro, e durará ata o día 7 de decembro, pechándose coa actuación de Roberto Alagna coa Orquestra Sinfónica de Galicia, no Teatro Colón, o único escenario de toda España ao que acudirá o tenor.  

Entre ambas as datas poderase asistir a actuacións de gran calibre como A forza do destino de Verdi, o día 3 de xullo, ou a Gran Gala Lírica o 10 de setembro, con Ángela Meade, Moises Martín, Verónika Dzhioeva, Mönica Redondo, Nicole Brandolino, Borja Quiza e Luiz-Ottavio Faria, coa Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Pérez Sierra . 

Destacan tamén a ópera representada Norma que ocupará os días 22 e 24 de setembro, ou o ciclo As nosas Voces con Vanessa Goikoetxea e Miquel Ortega ao piano, que será o día 13 de outubro. En novembro poderase acudir á ópera barroca Ariodante, o día 9, e á nova edición de Novas Voces Galegas os días 2 e 22, entre outros eventos. A programación detallada pode consultarse na páxina da Asociación Amigos da ópera da Coruña.   

Xunto á tempada lírica 2022 volven tamén outras actividades culturais como o ciclo de cine que se desenvolverá os luns de novembro no auditorio de Afundación, o ciclo de lírica inclusiva nos centros cívicos dos Mallos, pensada para o público máis novo.