Os xestores da Terraza de Sada venden pezas de coleccionismo para rehabilitala

D. Vázquez SADA / LA VOZ

A Coruña

ANGEL MANSO

Buscan fondos mediante produtos que incorporan a imaxe do BIC

28 may 2022 . Actualizado ás 16:21 h.

A Terraza de Sada ten merchandising, pero non só iso, é posible adquirir elementos únicos ligados a este monumento singular, «un caso único de conservación entre os inmobles modernistas desta tipoloxía e función, de asueto e lecer, na comunidade autónoma», como se recoñecía cando se declarou hai dous anos como ben de interese cultural (BIC). Os encargados de xestionala sacan agora á venda pezas do pasado para recadar fondos para manter un edificio sobre o que hai consenso en que require unha rehabilitación integral.

Antonio Fariña explica que utilizan os dereitos sobre a imaxe do inmoble para vender desde posavasos a camisetas ou cuncas, pero tamén pezas de coleccionismo que irán pondo á venda aos poucos. «Imos ir tirando dos recursos que temos», explica, remarcando que se poñen á venda invitacións antigas, dípticos con debuxos de Nacho Salorio ou botellas de brandi dos anos trinta. «Está aparecendo xente que quere coleccionismo e imos poñer máis pezas antigas á venda», avanza Fariña.

Comenta que ata o momento non utilizaran os dereitos de imaxe do edificio, pero creen que agora é necesario para «un bo fin», e recoñece que quedaron sorprendidos coa resposta do público desde que comezaron a vender esta semana tanto no propio inmoble como a través da web. «Cando chegue o verán penso que se vai a acelerar», estima, asegurando que a venda de produtos é só una das liñas que manexan para dar visibilidade á Terraza e lograr a súa restauración.

ANGEL MANSO

Entenden que debido ao estado do quiosco sería necesaria unha rehabilitación integral empezando pola cuberta, pero avanzan que con esta iniciativa realmente o que buscan é non quedar parados mentres se resolve o futuro da concesión. Neste sentido, barallan solicitar fondos europeos para levar a cabo os traballos, pero recoñecen que xa o intentaron con anterioridade, pero no seu día, cando gobernaba o BNG no Concello, non lograron o respaldo municipal, que se conseguiu posteriormente, pero fóra de prazo.

A familia que rexenta o inmoble é herdeira de Manuel Zapata, quen comprou A Terraza xunto con Hipólito Suárez, avó de Adolfo Suárez, e trasladouna da Coruña a Sada en 1921. Reclama unha prórroga para continuar xestionando este patrimonio, pero nunha contestación recente ao BNG no Congreso, o Goberno indicaba que ao caducar a concesión no 2018 «sitúa nestes momentos ao Estado como titular do ben»,

Pola súa banda, o Concello de Sada pediu a desafectación do dominio público do chan onde se asenta e a súa concesión. A súa aposta é xestionala e reservou unha partida de 25.000 euros para a elaboración do plan director da Terraza, xa que estima que é urxente actuar sobre este BIC.

ANGEL MANSO

«A sentenza do Supremo dános esperanza sobre a concesión»

Antonio Fariña cualifica de «demoledora» unha última sentenza do Tribunal Supremo sobre a posible prórroga dunha autorización en terreo marítimo-terrestre, que tamén avalaría a permanencia de Ence en Pontevedra, e explica que lles dá «esperanza sobre a concesión». Estima que serviría de base para a súa demanda para continuar xestionando este BIC. A concesión da Terraza caducou no 2018, pero para Fariña a Avogacía do Estado basea «erroneamente» a súa interpretación na Lei de Patrimonio, no canto de facelo na de Costas. «Temos cinco informes favorables, de Patrimonio, de Costas, da Avogacía do Estado, e pedimos a prórroga, pero despois a Avogacía votou en contra», explica, remarcando que están á espera da resposta a un recurso administrativo.

EDUARDO PEREZ

Xosé Lois Martínez: «A declaración BIC obriga a Administración pública a asumir as súas responsabilidades»  

Os arquitectos Xosé Lois Martínez e Arturo López da Osa fixeron en 1975 unha exposición centrada na Terraza e desde ese momento levan reivindicando a súa conservación. Con todo, as actuacións no inmoble desde entón foron poucas e algunhas cuestionables. Ambos realizaron iniciativas e informes para lograr a protección do edificio, pero Martínez evita dicir que sería o máis urxente acometer nestes momentos: «O único que podo dicir é que prioritario asumir como Administracións públicas a declaración de ben de interese cultural». «A Terraza, o seu mantemento, conservación, a súa supervivencia caía sobre os propietarios, era unha responsabilidade única. O concesionario cumpriu as súas responsabilidades nos últimos cen anos, ou non? Chegou enteira, aínda que deteriorada, evidentemente. Se cadra o deterioro tivo que ver cun vieiro a tres metros da porta e co tráfico que saíu durante décadas do porto de Sada», en alusión á principal avenida do núcleo sadense, que sinala como un dos perigos que afectan o monumento.

«A declaración BIC obriga a Administración pública a asumir as súas responsabilidades», remarca Martínez.

«Alguén está xogando perigosamente cunha actitude que é de inhibición, por parte da Administración pública, e falo primeiro do Estado central, pero tamén da Xunta, que é a máxima responsable, e a Deputación e o Concello. As tres Administracións dá a sensación de que non teñen lido o que significa ter declarado BIC a Terraza de Sada», estimou.

Martínez indica que polo momento só os particulares que a xestionan mostraron interese por protexer o edificio, «non sabemos de ninguén máis, o resto son declaracións». Apostilou que non pasa iso con bens da Igrexa declarados BIC ou con outros monumentos en mans privadas, onde non se cuestiona a súa propiedade para ofrecer axudas.