Eduardo Sanjurjo: «Cando paso por diante dunha tenda de Zara me santiguo»

A Coruña

CESAR QUIAN

Traballou durante sete anos en Inditex e agora puxo en marcha o negocio Kibus, de repartición a domicilio, en 16 mercados de 14 cidades

02 feb 2022 . Actualizado ás 11:34 h.

Ten 41 anos e tres fillos de 11, 9 e 6. Viviu en China , Irlanda e Estados Unidos. A primeira empresa que montou comprouna un fondo de investimento americano. No 2018, este coruñés especialista en comercio electrónico, puxo en marcha Kibus na praza de Lugo. «Agora estamos en 16 mercados de 14 cidades. En Madrid, por exemplo, no de Chamartín; tamén en Bilbao, Donostia, Burgos, ademais das sete cidades galegas. O obxectivo para o próximo ano é consolidar o que fixemos sen grandes aperturas. E no 2023 ampliar a outros mercados», explica Eduardo Sanjurjo Suárez-Pumariega, desas persoas que parece que ten tempo para todo. En Kibus traballan 35 persoas e di que é un proxecto que ten moita marxe de crecemento. «Non hai gastos de envío nin pedido mínimo. O negocio está no desconto que nos fan os comerciantes. Somos eficientes e non competimos co delivery. Por exemplo, se temos varios pedidos para Oleiros agrupámolos e repartímolos nunha viaxe. Xa se di que a mochila canto máis chea menos se move. O noso sistema recibe o 70 % dos pedidos pola noite. Iso permítenos ir á primeira hora a por os produtos máis frescos, que coincide cando os profesionais da praza teñen menos cantidade de clientes. Os sábados, que acode máis xente aos mercados, intentamos ter todo listo antes das doce para non molestar», analiza. 

Vida laboral e familiar

A súa infancia e mocidade pasouna entre Santa Cruz e o colexio Santa María del Mar. Estudou en Madrid Dereito e Empresariais e un máster en Comercio Exterior que lle abriu as portas de Inditex. «Fai uns dez anos a xente dicía que como ía comprar uns zapatos ou unha camisa por Internet sen probar a peza antes. E agora supón un tanto por cento importante das vendas. Co tema da comida sucede algo similar, o público comenta que quere ver os tomates e comprobar de primeira man a calidade da robaliza. Pero a alimentación e os frescos teñen moito percorrido. Hai que facelo ben, pero o mercado vai crecer», di. Nos sete anos que traballou na multinacional que agora pasa a presidir Marta Ortega viviu en Shanghái, Nova York ou Dublín. «A miña filla maior é made in China . Tiven moita sorte coas oportunidades que me deron. Cando paso por diante dunha tenda de Zara me santiguo en sinal de agradecemento. Aprendín, coñecín xente...», asegura. No 2012 montou a firma Tikiting, que anos despois vendeu a un fondo de investimento americano, pero á que segue vinculado. «É unha empresa de transporte de mercancías cuxo servizo consiste en unir a todos os transportistas do mundo e que as empresas accedan a través dunha soa aplicación informática. Cando a vendín quería seguir involucrado no e-commerce, pero co obxectivo de chegar ao cliente final vendendo comida por Internet. Quería dixitalizar os mercados, que teñen o mellor produto do mundo, para que todo o mundo puidese acceder a eles. Aínda que agora estamos en moitos lugares de España a cabecita está na Coruña. As fotos, porque a imaxe é moi importante, fanas os profesionais de aquí», explica. 

Plátano e salmón ao corte

Di que o seu principal hobby é «ser taxista dos meus fillos. Tamén me gusta pasear polo monte. Teño unha leira na Serra do Xistral onde plantei castiñeiros e carballos. É como o meu ioga porque é todo o contrario a Kibus. Na repartición todo ten que ser rápido e coas árbores hai que agardar a que crezan sen présas», relata. Entre os clientes da súa firma hai algúns sibaritas que «piden algunhas cousas na praza de Lugo e outras en Elviña». Pregúntolle polo que máis se vende e sorpréndeme a resposta. «O 60 % son froitas e verduras. E os produtos estrela son os plátanos e o salmón ao corte. Cansámonos de facer recomendacións, receitas do chef, e publicar novidades e ao final a xente pide o básico», confesa Eduardo durante a nosa charla no Siboney da rúa Ferrol. «Tamén levamos os seus cafés», comenta.